A asociación de empresarios de Doade organiza para o sábado 27 de agosto a II Convivium romana na Ribeira Sacra. Un grupo de empresarios (Restaurante A Cantina, Adegas Regina Viarum, Adega Petrón, Adega algueira e Casa Felisa) preparan esta actividade que pretende recuperar o pasado romano da Ribeira Sacra. Representantes destas empresas explicaban hoxe en rolda de prensa que a festa nace con vocación de continuidade e pretende crear un atractivo máis relacionado coa Ribeira Sacra. Este grupo de empresarios está convencido das posibilidades económicas da Ribeira Sacra en torno ao viño e ao turismo, a festa do día 27 ten a súa orixe e o seu obxectivo nestes dous aspectos: un xeito máis de chegar aos veciños e aos visitantes ensalzando o noso viño e a nosa riqueza paisaxística, a través desta idea.
Dentro do programa, a organización fixo énfase na presenza da III Cohors Lucensium, que todos os anos viste de espectáculo o Arde Lucus de Lugo, que virán acompañados pola cabalería “Castrum” e por Civitas Limicorum de Xinzo de Limia
O programa de actividades para o día 27 é o seguinte:
11:00.- Desfile da III Cohors Lucensium, Civitas Limicorum e Castrum
12:00.- Acto institucional e representación teatral na ágora de Regina Viarum (romanos e celtas)
14:00.- Convivium con viño da Ribeira Sacra e xantar popular con tenreira asada e empanadas baixo unha carpa na carballeira do campo da festa de Doade.
17:00.- Malabares, música e xogos romanos
20:00.- Festa con música, viño e queimada.
Tras o éxito da primeira edición, desde a organización manteñen o mesmo tipo de esquema, no ánimo de que sega funcionando. Hoxe insistían no feito de que se uniran novos colaboradores, empresas privadas, para sacar adiante esta proposta, sen contar con axuda das administracións. Estas empresas din estar convencidas das posibilidades turísticas da Ribeira Sacra e confían nun bo futuro a este nivel, de ahí o seu empeño en impulsar iniciativas como esta que o día 27 levará a Doade (Sober) a centos de persoas dispostas a disfrutar das escenificacións romanas, do viño da Ribeira Sacra, da súa xente e da paisaxe.
“Festa de todos e para todos, así que non dubiden en pasar a xornada do 27 en Doade, entre romanos e viño”, apuntaba dende a organización Antonio Rodríguez.