As festas patronais de Vilagarcía celébranse durante 10 días en torno ó 16 de agosto, festividade de San Roque. Neste día teñen lugar dúas festas sucesivamente. A primeira, de carácter relixioso, comeza coa misa solemne e a saída do santo en procesión dende a Igrexa Parroquial ata a capela que leva o seu nome. Miles de fieles acompañan ó santo de Montpellier neste percorrido, que a imaxe realiza movéndose ó son do pasodobre “Triunfo”. Pola tarde o traxecto faise á inversa, a ritmo moito máis pausado.
A parte lúdica da festa comeza a iso das 12 do mediodía, nada máis resgardarse a imaxe do patrón na capela de San Roque. Nese momento, iníciase a denominada Festa da Auga. Miles de nenos, xoves e no tan xoves recorren as rúas ó grito de “¡auga!”, rogando ós veciños que os refresquen co líquido elemento. Estes responden ó seu rogo utilizando para iso toda clase de artificios: cubos, mangueiras, botellas... Por se isto non fose suficiente para calma-la sede dos asistentes, os bombeiros colaboran mollando a mangueirazos dende os seus vehículos ás miles de persoas que os reciben cos brazos en alto. A festa, animada por espontáneos augadores e charangas, non termina ata primeiras horas da tarde.
A zona húmida, onde calquera molladura é ben recibida, está perfectamente sinalizada e esténdese polas rúas máis céntricas da cidade. Cada ano é máis frecuente que os xoves asistentes comecen a festa na noite do día 15, na que xa saen á rúa ataviados para a ocasión, co pano e a camiseta identificativos de cada panda ó pescozo. Habitualmente, participan na Festa da Auga entre 20.000 e 30.000 persoas.
Na Semana Grande de Vilagarcía teñen lugar outras actividades destacadas: concertos gratuítos de grupos e solistas españois, exhibicións folclóricas, desfile de carrozas e batalla de flores, etc.
Un dos actos que máis visitantes atrae ó municipio é o Combate Naval, un festival pirotécnico con fama en toda Galicia que adoita poñe-lo broche final ás festas. Miles de visitantes achéganse ese día a Vilagarcía á fin de contempla-la batalla entre un barco e un castelo de luces que se desenvolve na dársena do Peirao de Pasaxeiros. A exhibición complétase cun espectacular lanzamento de fogos de artificio e unha demostración de fogos acuáticos. http://www.ivilagarcia.com/turismo/default.asp