Skip to main content

FEIRA CIENTÍFICA ‘GALICIENCIA’

Arquivos adxuntos
FEIRA CIENTÍFICA ‘GALICIENCIA’
Ónde ten lugar
Descripcion

A actividade, que chega á súa sexta edición, é este ano referente da Semana da Ciencia 2011 en España

Máis de cincuenta equipos de estudantes de toda Galicia, Cataluña e País Vasco mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación

 

Santiago, 21 de novembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria apoia un ano máis a celebración de ‘Galiciencia’, a maior feira científica de Galicia, que se celebrará entre o próximo mércores e o venres en Ourense, e que está previsto que visiten máis de 2.000 persoas. O evento, organizado por Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia, é este ano actividade de referencia da Semana da Ciencia 2011 en España por medio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería.

 

Durante os tres días que dura a feira, a Tecnópole acollerá no seu recinto de Ourense unha carpa na que máis de cincuenta equipos de estudantes de toda Galicia, Cataluña e País Vasco amosarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación. A mostra contará coa participación de escolares e profesores de centros de Secundaria e de FP, aos que se sumarán os equipos de alumnos das Aulas Tecnópole, a iniciativa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras posta en marcha polo Parque Tecnolóxico de Galicia.

 

Talleres científicos, cinema e xornalismo

‘Galiciencia’ chega á súa sexta edición cunha ampla oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos, que inclúe a participación no Experimento Mundial do Ano Internacional da Química e talleres para conmemorar tanto esta celebración como o Ano Internacional dos Bosques. No de química realizaranse trucos de maxia que agochan fascinantes fenómenos químicos e, no caso dos bosques, os participantes coñecerán as principais características das fragas galegas e estudarán os incendios forestais e os seus efectos. O terceiro dos talleres será unha achega ás augas termais a través dunha perspectiva científica.

 

Ademais, instalarase un planetario no que se farán observacións e se proxectará unha película inmersiva en formato ‘fulldome’ (cobre a totalidade do planetario) que explicará como se adestran os astronautas e os riscos que entraña viaxar ao espazo.

 

Por último, haberá sesións de cinema nas que se visionarán fragmentos de películas que forman parte do imaxinario colectivo (‘Starwars’, ‘Mars Attack’...) e analizarase a súa base científica levando a cabo experiencias para comprobar se se axusta á realidade o que propón o cinema e descubrindo as técnicas que lle permiten á industria cinematográfica crear universos imposibles.

 

A ‘Galiciencia’ contará este ano coa súa propia redacción de xornalistas, formada por estudantes previamente adestrados como reporteiros para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, que será entregada a todos os asistentes á entrega de premios o último día.

 

Os amantes das novas tecnoloxías poderán, ademais, participar nunha ginkana descifrando as pistas que estarán distribuidas polas instalacións. Estas pistas estarán cifradas en códigos BIDI, imaxes codificadas que almacenan textos ocultos visualizables mediante a cámara dun smartphone.

 

Compartir

feiras deputacion ourense