Dende 1983, ano da recuperación de "O Boi", a festa foi aumentando a súa resonancia de xeito irreversible, sendo coñecida dentro e fóra de Galiza e disfrutada cada ano por milleiros de persoas. Segue sendo un acontecemento de carácter eminentemente popular, no que calquera, sexa de Allariz ou de fóra, séntese inmediatamente integrado e partícipe do ambiente festivo que se vive ó longo de toda a semana e moi especialmente nos días grandes. Inicialmente a Festa contaba con 3 días de festa, pasando progresivamente a ser na actualidade nada máis e nada menos que 9 días de festa. Na actualidade, a organización e realización corre a cargo da "Comisión", dependente da Asociación Cultural "Xan de Arzúa", integrada polos veciños que voluntariamente desexen pertencer a ela, e que se encargan de recoller, como tradicionalmente sempre se fixo, porta a porta, as contribucións voluntarias dos alaricanos. Esta recadación complétase coa venda de panos, xarras de cerámica, camisetas e outros productos relacionados ca festa. O orzamento total se distribúe no arrendamento dos bois e na contratación das charangas, grupos folclóricos e orquestras. A medida que a Festa segue crecendo en popularidade, tamén se converte nalgo que tódolos alaricanos levamos dentro con orgullo. Os organizadores da Festa non son alleos a este suceso, e deste xeito, pretenden que cada ano a xente se involucre máis na Festa, non só coas achegas, senón tamén coa colaboración social e participativa. Este é o fin da actual Asociación Cultural "Xan de Arzúa" que en vindeiros anos mellorará para se-lo centro neurálxico que englobe a tódolos alaricanos que queiran participar nunha Festa que non debe desaparecer, e para tal fin debemos colaborar dende moi novos.
Página oficial - http://www.festadoboi.com
Blog de José Miguel Barros
Programa da Festa 2012
Tronar de Bombas e Pasarrúas coa Batucada da Casa da Mocidade
domingo, 10 xuño