Skip to main content

5ª edición da Feira Artemur, unha mostra dos traballos de mulleres emprendedoras no rural

Arquivos adxuntos
5ª edición da Feira Artemur, unha mostra dos traballos de mulleres emprendedoras no rural
Cando ten lugar
Hora: 
10.30 a 14.00 y de 16.30 a 21.00 h.
Ónde ten lugar
Quen organiza
Descripcion

- Lara Méndez, Carmen Basadre e Verónica Marcos presentaron hoxe a 5ª edición de Artemur, que pon á venda produtos artesáns e agroalimentarios feitos por mulleres, nunha iniciativa que busca dar a coñecer a verdadeira realidade feminina no rural de Galicia

- 11 emprendedoras lucenses, 5 coruñesas, 2 de pontevedresas e 1 ourensá exporán pezas artesanais de encaixe, olería, xoiería, cestería, coiro ou xabóns, así como produtos elaborados con leite ou con castañas, pan, mel e licores

- A mostra, que se inaugura o 17 de marzo, forma parte dos actos organizados con motivo do Día Internacional das Mulleres, xunto con outras iniciativas coma conferencias, obradoiros ou presentacións de libros

 

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, a Concelleira de Benestar Social, Carmen Basadre e a Secretaria de Igualdade de Unións Agrarias, Verónica Marcos, presentaron hoxe no Salón de Actos da Deputación unha nova edición da Feira Artemur, unha das moitas actividades programadas para conmemorar o Día Internacional da Muller, xunto con outras como conferencias, táboas redondas ou presentacións de libros. Unha mostra que naceu hai cinco anos grazas ó esforzo de FADEMUR (Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales), organismo que traballa en prol do recoñecemento do papel que desempeñan as mulleres na estabilidade e o desenvolvemento do rural.

 

Con estes traballos as emprendedoras tentan facer visible a súa labor e boas prácticas, conxugando as técnicas de oficios tradicionais coa innovación, ben nos seus deseños, ben na planificación dos seus negocios. Unha clara aposta pola vida no rural, tal e como subliñou a Vicepresidenta Lara Méndez, destacando que “nun momento no que Galicia está a sufrir un grave problema de despoboamento demográfico das zonas rurais, o traballo destas mulleres e o de outras moitas que non están pero que son, xoga un papel fundamental na modernización da súa contorna e da visión que a xente ten do rural, contribuíndo á dignificación do mesmo e atopando nel numerosos factores de crecemento e dinamización, xusto cando vimos de coñecer”. Así mesmo, insistiu na necesidade de que “dende as administracións se tome boa nota de que Galicia é fundamentalmente campo, e de que o compromiso de todas estas mulleres co rural, coa súa terra, debería ser o de todos”. Pola súa banda, a Concelleira de Benestar Social, Carmen Basadre, quixo destacar tamén a importancia de unir esforzos dende as administracións para manter este tipo de iniciativas, que “contribúen a facer máis independentes ás mulleres nun momento, ademais, no que as cifras de desemprego feminino en Galicia son especialmente tristes”

 

19 firmas de toda Galicia

19 firmas encabezadas por mulleres, cunha media de idade de 35 anos, exporán durante os días 17 e 18 de marzo os seus traballos, artesáns e gastronómicos, nos stands situados baixo a carpa instalada na praza de Anxo Fernández Gómez, detrás da Casa do Concello. Un escaparate perfecto, tendo en conta que a participación nesta feira é gratuíta (todas puideron ocupar os stands a custo cero) e que en anteriores ocasións se acadou un volume de negocio de entre 5.000 e 6.000 euros.

 

Pola súa banda, Verónica Marcos explicou que as 19 emprendedoras galegas que participan (11 procedentes de Lugo, 5 da Coruña, 2 de Pontevedra e 1 de Ourense), porán á venda unha grande variedade de pezas de artesanía: olería, encaixe, xabóns, complementos elaborados en vidro e arxila, traballos en coiro e de tear, cestería, etc., así como produtos gastronómicos como mel, pan, licores, viños, derivados da castaña ou do leite. Outro tipo de iniciativas, tales como establecementos de turismo rural ou cooperativas prestadoras de servizos, tamén terán un oco para ofrecer información acerca da súa actividade. A feira terá abertas a súas portas toda a fin de semana, en horario de 10:30 a 14:00 horas e 16:30 a 21:00 horas.

 

 

Compartir