Skip to main content

V edición da Feira Artemur

Arquivos adxuntos
V edición da Feira Artemur
Cando ten lugar
Hora: 
10.00 a 14.00 y de 16.30 a 21.00 h.
Ónde ten lugar
Descripcion

na que se porán á venda produtos artesáns e agroalimentarios feitos por mulleres do rural

 

- Gómez Besteiro e representantes municipais inauguraron este sábado a 5ª edición desta iniciativa organizada por Fademur coa colaboración de Deputación e Concello de Lugo dentro dos actos polo Día Internacional da Muller, que se prolongarán ata o 19 de abril

- 19 emprendedoras de toda Galicia poñen á venda pezas artesanais de encaixe, olería, xoiería, cestería, coiro ou xabóns, así como produtos elaborados con leite ou con castañas, pan, mel e licores, con prezos para todos os petos

- A mostra permanecerá aberta ó público na Praza de Anxo Fernández Gómez, detrás da Casa Consistorial, en horario de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas, durante toda esta fin de semana

 

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este sábado a 5ª edición da Feira Artemur na que, durante toda a fin de semana, se poñen á venda produtos de moi diversa índole coa característica común de que foron elaborados, exclusivamente, por mulleres do rural. No acto, tamén participaron os Concelleiros de Economía, Servizos Sociais e Servizos Xerais, Sonia Méndez, Ana González e Francisco Fraga, respectivamente, así como Verónica Marcos, Secretaria de Igualdade de Unións Agrarias e representante galega de Fademur. Trátase da federación que, coa colaboración de Deputación e Concello de Lugo, organizou esta iniciativa que busca poñer en valor o papel que desempeñan as mulleres na estabilidade e no desenvolvemento do rural.

 

Gómez Besteiro subliñou a importancia do traballo destas mulleres, que amosa o “compromiso que teñen co rural e que comparte esta Deputación nun momento no que a perda de poboación que sofre a nosa provincia afecta, dun xeito máis preocupante, ó agro lucense”. Por este motivo, engadiu o titular provincial, “sempre apoiaremos todas aquelas iniciativas que, como esta Feira, contribúan a que a sociedade se decate de que Lugo é campo e que no campo hai futuro. Sempre se falou do papel da muller galega na familia, na casa ou na emigración. Hoxe tamén falamos da muller galega emprendedora”, sentenciou.

 

Precisamente, as firmas participantes teñen ó fronte a mulleres novas (cunha idade media de 35 anos), que no seu momento apostaron polo rural para desempeñar labores que unen tradición e modernidade, ofrecendo unha imaxe do rural moi afastada dos tópicos de atraso. Nos stands exporanse traballos artesáns e gastronómicos, que estarán á venda nun escaparate inmellorable, tendo en conta que estas emprendedoras dispoñen dos expositores habilitados na carpa situada detrás da Casa do Concello de xeito totalmente gratuíto e que, en anteriores edicións, se acadaron preto de 6.000 euros de volume de negocio.

 

19 emprendedoras procedentes de toda Galicia

Das 19 participantes, 11 proceden de diferentes puntos da provincia: O Courel, Monforte, O Corgo, Outeiro de Rei, Triacastela, Viveiro, Quiroga, Palas de Rei e Mondoñedo. Esta lista complétase con outras 5 produtoras da Coruña, 2 de Pontevedra e 1 de Ourense. Todas elas porán á venda variadas pezas de artesanía: olería, encaixe, xabóns, complementos elaborados en vidro e arxila, traballos en coiro e de tear, cestería, etc., e produtos gastronómicos: mel, pan, licores, viños, pan de castaña ou derivados do leite, destacando os produtos de repostaría. Os visitantes tamén poderán atopar stands con información sobre outras iniciativas xeradoras de emprego, tales como establecementos de turismo rural e cooperativas prestadoras de servizos. Os horarios de apertura ó público, tanto o sábado coma o domingo, son de 10:30 a 14:00 horas e 16:30 a 21:00 horas.

 

 

Compartir