Skip to main content

XXVI EDICIÓN DA FESTA DA CASTAÑA DO COUREL

Arquivos adxuntos
XXVI EDICIÓN DA FESTA DA CASTAÑA DO COUREL
Cando ten lugar
Hora: 
12.00 h.
Ónde ten lugar
Lugar: 
Descripcion

A XXVI edición da Festa da Castaña do Courel celébrase esta fin de semana tralo seu recoñecemento coma Festa de Interese Turístico Galego

A cita anual desenvolverase este ano no campo da feira da localidade de Seoane do Courel

Os asistentes poderán disfrutar, a partir das 12 horas do sábado, dunha xornada festiva degustando as castañas do Caurel

O Concello de Folgoso do Caurel promove a celebración o 9 de novembro a XXVI edición da Festa da castaña. Esta festividade que se organiza alternativamente nas localidades de Folgoso e na de Seoane dende o ano 1986, xurde do esforzo dun pobo con ansias de promover a súa riqueza e de mirar pola comunidade ennobrecendo a súa cultura e tradicións.

Os actos da festa da castaña desenvolveranse este ano en Seoane e, por primeira vez, faráo coa denominación de Festa de Interese Turístico de Galicia trala súa declaración como tal polo Consello da Xunta de 19 de setembro de este ano. O Concello do Courel solicitou esta declaración coñecedor de que esta festa cumpría os requisitos: antigüidade, singularidade, arraigo e o gran valor cultural como festa gastronómica.

A festa terá coma esceario o campo da feira de Seoane do Caurel, onde a partir das 12 horas  poderanse degustar castañas en diversas presentacións (principalmente, asadas ao modo tradicional).

Os actos oficiais deste evento darán comezo ás 13:30 h coa lectura do pregón por parte de Manola Porto López, xornalista que dará unhas pinceladas máis culturais ao redor do mundo da castaña e o catedrático Antonio Rigueiro Rodríguez, director da Estación Científica do Courel e presidente do Consello Consultivo do Parque Natural das Fragas do Eume, quen dará unha visión máis cientifica da castaña e o seu aproveitamento.

A continuación, xa na Estación Científica do Courel, abrirase unha exposición de artesanía rural. Durante toda a xornada veciños e visitantes poderán acompañar as castañas e o viño de actuacións musicais, degustación de outros produtos derivados da castaña e da terra e tamén outros produtos de artesanía.

 

Valor estratéxico

Esta celebración pretende ser unha pequena homenaxe a castaña, reivindicando o seu valor estratéxico para as economías caurelás, xa que o castiñeiro e a castaña foron e seguen sendo o sustento de moitas familias. Ao redor deste produto galego desenvólvese unha actividade empresarial moi importante para a zona. Moitos particulares recollen as castañas e logo véndenas en fresco ou logo de secalas nos tradicionais sequeiros, sendo esta actividade moi importante para o desenvolvemento da zona. Dende antigo, a castaña do Courel é especialmente apreciada polo seu gusto inigualable.

Para o Concello do Courel que a Xunta declarase a Festa de Interese Turístico Galego supón o recoñecemento ao traballo feito a favor desta celebración e colócaa no lugar que se merece.

Este recoñecemento conleva unha achega económica que permite que esta festa alcance este ano un orzamento de preto de 10.000 euros, grazas ás aportacións da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial. Grazas tamén á declaración deste evento como de interese turístico autonómico, a Festa da Castaña do Courel dispón de máis fondos para poder custearse ano tras ano. Cómpre recordar que na organización da cita colaboran varias asociacións da zona, que participan activamente nesta importante cita para a promoción deste produto e do propio municipio, pretendendo que este festexo sexa un escaparate da nosa cultura, beleza paisaxística e gastronomía e das posibilidades turísticas da zona.

O Concello do Courel convida a tódolos galegos a participar esta fin de semana da Festa da Castaña do Courel prolongando a fin de semana nunha das paisaxes máis impresionantes de Galicia e aproveitando a hospitalidade da que os veciños do Courel fan gala tradicionalmente

Compartir