A IX Feira do Viño de Monterrei potencia o enoturismo e a cultura do viño de calidade
A presentación do evento, que se celebrará en Verín do 8 ao 10 de agosto, tivo lugar hoxe no Centro Cultural da Deputación
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán, e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Antonio Ángel Méndez Atanes, presentaron hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a IX Feira do Viño de Monterrei, un evento que se celebrará en Verín do 8 ao 10 de agosto e que converterá estes días á vila verinesa e á comarca de Monterrei “no gran escaparate dos viños desta denominación de orixe”, segundo afirmou o presidente provincial, engadindo que este evento “potencia a calidade e incrementa a promoción destes caldos grazas ao traballo que están a realizar o consello regulador, os adegueiros, os viticultores e o Concello de Verín coa difusión desta feira”.
Pola súa banda, Juan Jiménez dixo que a feira “pretende conxugar gastronomía, música e viño, nun evento que ten como obxectivo promover o desenvolvemento social e a cultura do viño, así como actividades deportivas e de enoturismo para fomentar o achegamento de visitantes e impulsar a imaxe da nosa comarca”. Antonio Ángel Méndez explicou que a D.O. Monterrei está a ter unha importante proxección nacional e internacional así como destacados recoñecementos, tanto en viños brancos como tintos. Detallou que o 15 % da produción expórtase ao exterior, concretamente a 22 países.
Na feira participan dez adegas e tamén dez restaurantes, que ofrecerán menús especiais durante estes días. Ademais, o programa, que se desenvolverá na Praza da Mercé, inclúe o acto de inauguración que terá lugar o día 8 de agosto, ás 20.00 horas, coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, e o acto de imposición das medallas “Confraría dos Viños de Monterrei”, que se celebrará na Igrexa dos Mercedarios, unha distinción que se outorga a persoeiros que, polo seu labor, teñen contribuído ao impulso desta denominación de orixe. O programa complétase con actividades lúdicas e musicais, degustacións e xornadas enogastronómicas con propostas especiais en establecementos hostaleiros colaboradores.