A 36ª Festa do Queixo de Arzúa celebrarase este ano na segunda fin de semana de marzo de 2011
Delinqüentes + Tomasito, Riobó e Chema Rey DJ completan o programa musical da Festa do Queixo de Arzúa e acompañan a Tote King e Susana Seivane.
O programa musical da Festa do Queixo de Arzúa 2011, que se celebrará os vindeiros 11, 12, e 13 de marzo, complétase coas actuacións de Delinqüentes + Tomasito, Riobó e a sesión musical e conferencia interactiva do lendario locutor de Radio 3, Chema Rey DJ. Ao longo da extensa traxectoria da Festa do Queixo de Arzúa, o queixo sempre estivo acompañado por unha intensa programación de actividades, entre as que destaca especialmente o programa musical do Festival do Queixo como un dos eventos de referencia do panorama estatal.
A organización xa avanzou nos pasados días as actuacións de Tote King e Susana Seivane. Así, o sábado 12 de marzo ás 21.30 h, o rapper andaluz presentará en Arzúa o seu novo disco, “El Lado Oscuro de Gandhi”, nun concerto que abrirá a primeira noite do festival e que dará paso a actuación de Delinqüentes + Tomasito, prevista para ás 23.00 h. A xornada rematará coa agardada sesión musical de Chema Rey, o mestre que guiou a tantos afeccionados desde os micrófonos de Radio 3 (El Bulevar), ofreceranos a partir dás 01.30 da madrugada a súa incrible viaxe sonora.
Ademais, durante a xornada do sábado, chega con toda forza a final do concurso de maquetas Queixo Maquetón, que este ano celebra a súa terceira edición. Os novos talentos terán a oportunidade de amosar o seu mellor directo durante esta xornada. A actuación dos tres grupos finalistas comezará ás 18.00 h e ás 00.30 h terá a actuación do grupo gañador do concurso, un dos concertos máis esperados polo público.
Xa na xornada do domingo 13 de marzo, a programación musical comeza ás 13.00 h coa conferencia e sesión musical de Chema Rey DJ, o emblemático locutor de Radio 3 achéganos á Historia do Rock a través de imaxe e son nunha sesión bailable que se prolongará ata ás 14.30 h. Ás 18.00 h poderemos gozar coa actuación do quinteto acústico Riobó. Por último, a prestixiosa gaiteira de sona internacional, Susana Seivane, pechará a programación musical da 36 edición da Festa do Queixo cunha actuación que dará comezo ás 19.30 h.