O sábado 19 de febreiro marcará o início da Festa da Pita, que chega este ano á súa 13ª edición, ademáis de celebrar o 10º aniversario da máscara da Pita
As Eiroás é un pequeno barrio situado na zona Norte do perímetro urbán do concello de Ourense, que conserva unha identidade rural, procedente da idiosincrasia que posuía até hai poucas décadas.
A mediados do século XX, un matrimonio entre 2 viúvos, dera orixe a unha festa, cando menos, singular. Esta coincidiu co Entroido e pasou a ser este núcleo un dos poucos lugares na cidade e arredores nos que se celebraba a festa pagá que antecede á Coaresma. Como queira que fose, esta deixouse de celebrar nos comezos da década dos ‘70 e no ano 1999, desde a A VV, decídese resgatar a memoria daquela celebración. Nos anos posteriores vanse engadindo contidos a esta festa, entre os que cabe salientar unha representación teatral popular, a creación da imaxe da festa por parte de artistas locais, un xantar popular ou a creación dunha máscara que nacía coa intención de ser un dos símbolos do futuro barrio d’As Eiroás e que neste 2011 correrá o Entroido por 10º ano consecutivo.
Domingo fareleiro
Así, pois, este domingo 20 celebramos o DOMINGO FARELEIRO. Pola mañá colgaremos o Meco na Praza das Eiroás, o mesmo espazo no que -apartir das 17 h.- haberá espazo para o farelo, a fariña... e a animación musical por conta da Charanga NOVA TERRA de Trives.
Visita ao CHOUAntes, o sábado 19 ás 11 e media da mañá, hanse achegar algunhas Pitas até a Unidade Infantil do Complexo Hospitalario Ourensán para visitar aos máis pequenos que se atopen hospitalizados e anunciarlles que o Entroido xa está aquí, ademáis tentar sacarlles algún sorriso e levarlles algún pequeno presente da festa.
A imaxe deste ano
Desde hai 8 anos, a imaxe da festa é deseñada por un artista local, pretendendo deste xeito crear unha serie de “carteis de colección” que co paso dos anos vaia amosando diversos puntos de vista sobre a Pita, ademáis de darlle relevancia aos nosos artistas e poñelos en contacto co barrio, a máscara e a propia festa. Neste ano o cartaz é obra do pintor ourensán Jacobo L. Nespereira, a quen lle temos que agradecer a súa colaboración e cuxa obra achegamos en arquivo adxunto.