A Festa do Porquiño á Brasa da Amil®, no concello de Moraña, ten as súas orixes nun xantar popular no ano 1990, enmarcado dentro da XV Festa do Arrieiro, rexouba parroquial que os mozos e mozas do lugar facían a última fin de semana de agosto. Desde aquela, veuse celebrando sempre.
A última fin de semana de agosto, Amil é outra vez máis unha festa. O domingo, a festa ponse en marcha moi cedo, alá pola tres da mañá, cando se lle prende lume á leña de carballo para o lento asado dos porquiños
Na festa gastronómica, o prato do Porquiño á Brasa forma parte dun lote que hai que reservar previamente e que está composto, ademais do porquiño, de:
• unha empanada de zorza e outra de bacallau, de 1,5 kg cada unha
• doce botellas de viño tinto “Barrantes” e seis de auga
• 4 moletes de pan
• de sobremesa, 2 bicas
• café de pota con pingas de augardente
O lote inclúe a mesa sempre ó abrigo e todos os artigos necesarios (pratos, vasos, panos de mesa, cubertos, sacarrollas...). Nela comen ata 20 persoas.
Todo isto compón un lote cun custo pechado. A principios de agosto, saen á venda os lotes da Festa do Porquiño á Brasa, sempre nun número limitado, pero contamos coa colaboración de hostaleiros da zona, aos que vos remitimos cando xa se esgotaron os nosos lotes.
Logo do xantar, os participantes divírtense coa celebración de xogos tradicionais galegos.
www.amilcultural.org
http://www.facebook.com/pages/Porqui%C3%B1o-%C3%A1-brasa/124675124243053