Skip to main content

Festa do Samaín en Cedeira

Arquivos adxuntos
Festa do Samaín en Cedeira
Ónde ten lugar
Quen organiza
Descripcion

Xa pasaron anos desde 1997, que en Cedeira (A Coruña) se recuperou a tradición de tallar as cabazas na véspera do día de defuntos. Avós e pais fixeron memoria; remexendo nunha infancia non tan afastada, lembrando cando se xuntaban uns cantos amigos e amigas para ir coller os melóns e as cabazas ás hortas. Como logo as baleiraban e as ían modelando ao xeito de caveiras de defuntos. Despois, á noitiña, colocaban dentro a candea e prendíanlle lume. Este momento, esperado con ansia polos rapaces, perpetuaba unha tradición dos nosos devanceiros. Logo había que buscar un lugar para deixala; tiña que ser un curruncho dunha rúela onde puidese sorprender e asustar as persoas que lles cadrase pasar por alí. Todo este ritual levábase a cabo na escuridade, moitas veces baixo a choiva; tede en conta que daquela había moi pouca luz nas rúas e ata para os mesmos rapaces as caveiras metían medo.

Aquel vello costume hoxe recuperado grazas á Festa do Samaín celebra o momento de remate do verán e do comezo do inverno. En Cedeira reunímonos para darlle a benvida ao novo período. Para iso comemos todos xuntos as castañas á vez que traemos as nosas caveiras que agora, pola cantidade de luz eléctrica que enche as nosas rúas xa non espantan a ninguén.

A Festa do Samaín acadou unha grande repercusión en toda Galicia, e mesmo é coñecida fóra dela. Hoxe en día celébrase nunha gran cantidade de lugares con diferentes nomes: festa das cabazas, dos calacús... Ao redor da festa producíronse outros fenómenos culturais importantes, como a publicación de estudos antropolóxicos, libros de contos, pezas de teatro, etc.

Pero tamén estes anos, e apoiada principalmente polo cine e a televisión, espallouse paralelamente ao Samaín unha versión exportada da outra beira do Atlántico, o Hallowen. Iso está a provocar que moita xente pense, sobre todo nas zonas urbanas descoñecedoras desta antiga tradición, que o noso Samaín e só unha copia exportada, e que na nosa terra nunca se tallaron cabazas. Mesmo se chega, o que é mágoa, a preferir a festa que vén de fóra e a rexeitar a nosa propia.

Por iso en Cedeira e noutras moitas vilas de Galicia habemos seguir ano tras ano celebrando esta festa, e outras moitas tradicións que se nos van perdendo pouco a pouco, para evitar que desaparezan.

PROGRAMA SAMAÍN 2011

VENRES DÍA 28 DE OUTUBRO

 Ás 6 do serán no Paseo do Pinzón faremos o Fiadeiro das Castañas e Obradoiro de Caveiras, onde teremos zonchos preparados para facermos os colares.

A partir das 8 do serán terá lugar, un espectáculo de circo, musica e humor a cargo do grupo Ringo Rango, espectáculo cómico ao límite do absurdo onde todos habemos pasar momentos ben divertidos.

E ás 10 da noite, no medio do río faremos o acto de inauguración do Samaín 2011, coa xa tradicional Queima da Cabaza.

SÁBADO 29 DE OUTUBRO - FESTA DE SAMAÍN

A partir das 5 do serán, no Paseo do Pinzón, comezaremos a anotar os melóns para o Concurso de Cabazas, no que coma sempre, premiaranse aquelas que máis chamen a atención, polo seu tamaño, a súa orixinalidade, beleza natural, simpatía…

Os que queirades participar na Ginkana tamén vos podedes ir apuntando. A gimkana remata para os máis “botados para adiante” cunha visita á Casa das Ánimas.

Obradoiro de Maqueado, a cargo de Fusa para pintarvos unha cara samaineira.

Merendola de Outono, con bola de azucre e requeixo, os dous clásicos da festa que nesta ocasión non han de faltar.

 Ao longo da tarde, teremos contacontos a cargo de Ni fú ni fá, e animación con Ánima Rúa.

No luz con fus, a iso das 8:30 do serán, máis ou menos, sairá o Pasarrúas das Pantasmas, que con todas as luces apagadas percorrerá os currunchos máis escuros da vila. Se as pantasmas están de leria, irán por onde elas queiran. ¡Deixádevos levar!

E para rematar faremos a entrega de premios do Concurso de Cabazas.

MARTES 1 DE NOVEMBRO

 Ás 8 do serán no auditorio municipal a función Mackie, o Navallas do grupo Bartoleta de Ferrol.

 

Compartir