Skip to main content

Obradoiros de cabazas, contos de medo e unha procesión de ánimas pola Muralla para recuperar a tradición celta do Samaín

Arquivos adxuntos
Obradoiros de cabazas, contos de medo e unha procesión de ánimas pola Muralla para recuperar a tradición celta do Samaín
Cando ten lugar
Hora: 
17.00 h.
Descripcion

O adarve da Muralla servirá de escenario para unha procesión de ánimas a noite do luns 31

 

Por primeira vez Lugo celebrará o Samaín, a vella tradición de orixe celta. Cabazas, contos de medo e conxuros son algúns dos ingredientes que compoñen a programación deseñada pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua para celebrar o Samaín e que presentou esta mañá o tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, acompañado por representantes das catro asociacións culturais colaboradoras: Trebas Galaicas, Caetra Lucensium, Lugdunum e Lucus Equites. Bao explicou que a tradición do Samaín, que comparten con Galiza outras nacións de orixe celta como Bretaña, Escocia, Gales ou Irlanda, significa a fin do verán e o comezo do ano celta e celebrábase para honrar a recollida da última colleita e o regreso dos rebaños aos cortellos. A esa transición cara o inverno, e que supoñía o regreso aos lares, tamén vinculaban o retorno dos mortos ao mundo dos vivos e, durante esa noite máxica, os dous mundos convivían a través dunha serie de rituais no que os celtas mesturaban gastronomía, lume e contos para lembrar aos defuntos.

 

Estes costumes, co paso do tempo, perduraron asociados á celebración do día dos defuntos a través de tradicións como os contos de mortos, a súa lembranza con visitas aos cemiterios ou os doces propios da festa, como os chamados “ósos de santos”. Ademais, a propia antropoloxía do ser galego determina unha especial relación coa morte, moi presente na nosa cultura a través da tradición literaria e artística, e da propia concepción da vida. Por iso, non é de estranar, que o Samaín non desaparecera en Galiza e que se conserve a súa tradición en lugares como Bretoña, a Mariña ou na zona de Quiroga. Fóra de Lugo, está a ser recuperada en zonas de Ourense, Cedeira ou Pontevedra.

 

Ese espírito de recuperación das tradicións é un dos obxectivos da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e, por iso, este ano súmase por vez primeira á celebración do Samaín e organiza unha completa programación vinculada a esta tradición. Baixo o título de Samaín 2011. Defuntos vivos e mortos, a área que dirixe Antón Bao propón unha serie de actividades deseñadas en colaboración con catro asociacións culturais especializadas na reconstrución histórica do mundo castrexo, como son Trebas Galaicas, Caetra Lucensium, Lugdunum e Lucus Equites. Antón Bao sinalou que “a través do cine e das modas chégannos festividades foráneas como o Halloween americano, que resulta que afondan as súas raíces na cultura celta, así que esta iniciativa de celebrar o Samaín supón algo tan sinxelo, pero fundamental, como recuperar os nosos ritos.”

 

Atraer turistas nas pontes de novembro e decembro

 

Outro dos obxectivos que persegue a Concellería de Cultura e Turismo con esta celebración é o de ofrecer un programa de actividades que resulte atractivo para o turismo. “Os turistas van a lugares onde pasan cousas, polo que é imprescindible dotar de contido as visitas dos turistas, non só co patrimonio histórico e gastronómico que temos, senon con actividades de lecer que acheguen a nosa cultura a todos os que nos visitan dun xeito activo e participativo”, indicou Antón Bao. Con ese obxectivo programaránse actividades para as pontes de novembro e decembro.

 

Outro factor que destacou o tenente alcalde é que as actividades, que son gratuítas e abertas a todo o público, desenvolveranse en distintos puntos da cidade. Con esta iniciativa, ao igual que se fixo durante as festas do San Froilán, preténdese facer partícipes a todos os veciños das actividades culturais, que tamén funcionan como motor da promoción turística de lugares afastados do percorrido turístico habitual.

 

O programa abrangue obradoiros de cabazas, pintado de facianas e recortables de papel destinados aos máis pequenos, contos de medo e procesións de ánimas. Ademais, celebraranse vistosos rituais de vivos e mortos e, para peche da celebración, a noite do luns 31, a noite propia do Samaín, a Praza da Soidade acollerá un conxuro da queimada, un concerto do grupo de música celta Milesios e o adarve da Muralla acollerá a uns sorprendentes transeúntes: unha procesión de ánimas que portarán cabazas iluminadas con velas que serán depositadas en distintos puntos da Muralla.

 

Programa do “Samaín 2011. Defuntos vivos e mortos”

 

Sábado 29 - Praza da Milagrosa

17:00 apertura de obradoiros

obradoiros de cabazas (calacús)

recortables de papel

coloreado de cabazas

pintado de facianas

19:00 contos de medo

21:00 procesión de ánimas

23:00 ritual de vivos e mortos

 

Sábado 29 - Praza de Augas Férreas

17:00 apertura de obradoiros

obradoiros de cabazas (calacús)

recortables de papel

coloreado de cabazas

pintado de facianas con motivos celtas

21:00 procesión de ánimas

 

Domingo 30 - Praza da Soidade

17:00 apertura de obradoiros

obradoiros de cabazas (calacús)

recortables de papel

coloreado de cabazas

pintado de facianas

 

Luns 31 - Praza da Soidade

17:00 apertura de obradoiros

obradoiros de cabazas (calacús)

recortables de papel

coloreado de cabazas

pintado de facianas

20:00 contos de medo con Cándido Pazó

21:00 procesión de ánimas e colocación das cabazas polo adarve da Muralla

22:00 ritual de vivos e mortos

22:30 conxuro da queimada

23:00 concerto de música celta do grupo Milesios

 

Compartir