O Entroido é sen dúbida unha das celebracións máis populares e con arraigo do pobo da Estrada sobrevivindo ao paso dos anos.
Son os Entroidos da Ulla os que contan cunha tradición que data do século XIX. Cada ano os veciños da comarca do Ulla, na que homes e mulleres de distintas parroquias, vístense de militares e búrlanse de autoridades, veciños e de si mesmos. Esta celebración lévase a cabo durante días en distintas aldeas da Estrada rematando o martes de Entroido na Praza da Constitución.
Hai dous bandos, un invasor e outro defensor que conta con Xenerais e Correos que son os encargados de iniciar a batalla (tamén chamados “altos”, “saltos”, "atranques” ou “arranques”). O Correo do Exército atacante solicita a entrada nos dominios do sentinela ao que lle resposta o Correo do Exército defensor. Tamén o pobo conta con pasarrúas con carrozas, comparsas e coros de vellos cos que ameniza unha xornada na que todo o que acude pasa unha xornada inesquecible.
http://turismo.aestrada.com/ver.htm?id=48