O programa inclúe:
3: verbena coas orquestras Trebol e Yucatán
4: misa solemne e sesión Vermouth con Diamante
NA BEIRA DO RÍO
Na beira do río Grande está a capela de Santa Irena, preto do lugar de Señoráns. Na fachada da construción hai unha inscrición xa moi borrosa na que se pode ler: “Capilla de Santa Eylena”. Xosé María Lema ten constancia de que no ano 1741 este inmoble é citado polo visitador episcopal. O seu estado actual é aceptable tras a restauración que fixeron por ofrenda membros da familia Iglesias de Señoráns. O xa citado Ramón Romar López afirma no seu libro Ancestros y vivencias que antepasados seus de Fornelos pagaban foros á capela de Santa Irena. En concreto sinala que Andrés Romar Leis comprou en 1871 por 2,81 pesetas rendas da ermida.
Os máis vellos do lugar lembran que os seus antepasados dicían que un tolo que había na aldea botou polo río abaixo unha imaxe de san Francisco de Asís que había na capela e a escultura chegou ata Pasarela, onde a colleron para poñela na igrexa de Calo. Outras versións do mesmo feito din que a causa da desaparición do san Francisco foi unha riada e outras, que foi o san Roque o que marchou nadando.
O caso é que se consultamos A arte relixiosa na Terra de Soneira sobre a orixe da imaxe do san Francisco de Calo di: “Non nos consta no arquivo parroquial documentación ningunha sobre o autor desta fermosa talla -xunto coa de san Xoán Evanxelista, a mellor que posúe este templo- nin tampouco a data en que a mesma chegou á parroquial de Calo”.
É máis, Lema di que non había razón obxectiva ningunha que xustificase a presenza da imaxe do santo de Asís nesta igrexa, pois non aparece citado en ningún documento nin tiña confraría. O historiador pensa que é froito dunha doazón particular da que non se deixou constancia nos libros da parroquia, pero o que parece máis axeitado é que os vellos de Señoráns e Reparada teñen razón.
Non moi lonxe do edificio relixioso de Santa Irena, xusto entre o prado Morado, á esquerda, e o Vao das Ameixeiras, á dereita da canle, hai un paso que permite atravesar o río a pé polo verán, cando o caudal está baixo. Este pasadoiro era de grande utilidade para a xente das parroquias de Traba, Calo e San Simón de Nande que cruzaban polo lugar cando ían á feira de Baio e tamén para os peregrinos que se dirixían a Muxía.
LIBRO: SALTO: FEITOS, LENDAS E OUTRAS CURIOSIDADES
AUTOR: XOSÉ MANUEL AMEIXEIRAS
EDITA: ASOCIACIÓN NEIRA MARCOS DE SALTO