O RECINTO FEIRAL DA SEMANA VERDE DE GALICIA ACOLLE A III EDICIÓN DO MONOGRÁFICO DA GANDERÍA E AGRICULTURA, GANDAGRO 2014
O Recinto da Semana Verde acollerá un certame sobre as razas gandeiras autóctonas en perigo de extinción
O Recinto da Semana Verde de Galicia acolle durante tres días o III Monográfico da Gandería e a Agricultura, GandAgro 2014.
O recinto da Semana Verde de Galicia acollerá tamén un certame monográfico sobre as razas gandeiras autóctonas en perigo de extinción. Así se establece nun convenio de colaboración que será asinado proximamente entre a Fundación Semana Verde de Galicia e a Consellería do Medio Rural e do Mar para continuar coa promoción e divulgación das actuacións do programa de recuperación, conservación e fomento dos recursos zooxenéticos autóctonos de Galicia en perigo de extinción, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
Neste convenio –cuxa sinatura foi autorizada hoxe polo Consello da Xunta– establécese que a Fundación Semana Verde de Galicia asume o compromiso de colaborar na difusión das razas gandeiras autóctonas de Galicia, tanto no Certame Internacional Multisectorial Semana Verde que se celebra cada ano, como mediante un certame específico, no que se desenvolverán monográficos, exhibicións, exposicións e concursos morfolóxicos de todas as razas autóctonas, así como conferencias, xornadas técnicas, actividades promocionais e exposición dos produtos obtidos das ditas razas.
Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural e do Mar, ademais de participar na coordinación técnica e na programación das diferentes actuacións contidas no convenio, achegará os exemplares das distintas razas autóctonas para a súa exhibición e exposición, ou ben, de ser o caso, intermediará coas asociacións de criadores para que estas o fagan. Ademais, a Consellería porá a disposición da Fundación Semana Verde o persoal técnico do Centro de Recursos Zooxenéticos de Fontefiz, para colaborar nas diferentes accións, aportará persoal especializado no manexo dos animais e garantirá o cumprimento do estatus sanitario dos animais e a súa inscrición nos libros xenealóxicos das razas que se presenten.
A Consellería do Medio Rural e do Mar financiará parcialmente o custe das actividades con 308.000 euros, a razón de 154.000 euros por ano, durante o 2014 e o 2015. A Fundación Semana Verde financiará os restantes custes das actuación de promoción e divulgación.
Gandagro
Os detalles desta colaboración coñecéronse hoxe, coincidindo coa inauguración da terceira edición de Gandagro, “Monográfico da Gandería e a Agricultura”, que se celebra en Silleda ata o vindeiro domingo.
Neste acto, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, celebrou a “boa saúde” da que goza o sector agrogandeiro galego, que dixo tamén que “ten un futuro prometedor”. Así, destacou que este eido “aguantou a arremetida da crise mellor que moitos outros, e estou convencida de que sairá reforzado desta situación”.
A titular de Medio Rural e Mar destacou que Gandagro é “unha cita imprescindible para afrontar os retos de futuro que se nos presentan, derivados dun mercado cada vez máis competitivo e globalizado, e da aplicación da nova Política Agraria Común (PAC) 2014-2020, na que Galicia –engadiu– manterá o nivel de investimentos do período anterior, ao contar con 2.380 millóns de euros nestes 7 anos”.
Rosa Quintana deu os parabéns aos organizadores deste certame porque –dixo– “Gandagro incrementa nesta ocasión máis dun 50% a superficie neta dispoñible respecto á do ano 2012, ata acadar os cerca de 5.000 metros cadrados de exposición”.
Pola súa banda, o vicepresidente destacou o feito de que se incrementase o número de firmas e a superficie de exposición e cualificouno de "boa noticia" no actual momento de dificultades, no que agradeceu unha vez máis o compromiso e o esforzo dos traballadores da Fundación Semana Verde. "Hai que seguir camiñando cara adiante", indicou Rueda, que garantiu que a Semana Verde non se vai privatizar e continuará funcionando como un referente do sector agropecuario e forestal de Galicia.