Romaría na honra do Santo avogado da garganta, San Blas, ao que acoden gran cantidade de persoas para pedir a súa intercesión ou dar grazas polos favores concedidos. Celébranse misas rezadas durante todo o día e na última, xa entrada a noite, celébrase a misa solemne cunha procesión de candeas na honra do Santo. Nesta romaría é tradición bendicir o pan na primeira misa e poñelo a disposición dos fieis así como bendicir as gargantas con aceite para previr doenzas ao finalizar cada unha das misas.
Postos de rosquillas e churros satisfacen o paladar dos máis esixentes. Os postos de candeas e figuras de cera tamén teñen acollida neste evento, nosque as gargantas son as figuras con máis aceptación nesta romaxe.
Os días 31 de xaneiro, 1 e 2 de febreiro realizarase un Triduo preparatorio: haberá misas rezadas na honra de San Blas eses tres días ás 6 da tarde.
O sábado día 3 de febreiro comezará cunha gran tirada de fogos e posteriormente a bendición dos " fanchucos" (uns pans que din ser moi milagreiros para curar os males da boca e a garganta, os mesmos teñen forma entrelazada e póñense a disposición dos fieis durante toda a xornada) e o aceite (que se utilizará para unxir as gargantas das devotas e devotos ao finalizar cada acto relixioso posterior á mencionada bendición, os fieis levan a cabo este rito como prevención dos males de garganta).
Unha vez acabada a bendición do pan e o aceite oficiaranse misas rezadas ás 10 e 12 da mañá e xa en horario vespertino oficiarase outra misa rezada ás
6 e a misa solemne ás 7 cantada polo coro parroquial de Briallos e seguida de procesión de velas en honra de San Blas ata o lugar de "A Bouza de San
Blas".
Durante a tarde e na procesión de velas actuará a banda de gaitas "Domingo Fontán" de Portas.
Domingo día 4 de febreiro: misa rezada ás 10:30.