Skip to main content

Santiago Paixón Doce promociona a tradición larpeira en Semana Santa

A concelleira de Turismo, Marta Lois, e os presidentes da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos e José Antonio Riveiro, presentaron no Pazo de Raxoi Santiago Paixón Doce, novo programa gastronómico que nace coa idea de promocionar como atractivo turístico a tradición larpeira da cidade durante a Semana Santa.

Santiago Paixón Doce celebrarase do 18 ao 27 de marzo. Máis de 20 cafeterías e restaurantes da cidade incluirán nas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da Semana Santa, como torrixas, leite fritida, bolos de vento, rosquillas, melindres, rosca, chocolates "de paixón" ou tortas. Estes doces poderán tomarse como sobremesa, tras as comidas ou ceas, ou incluso na propia barra dos locais, sen ter que pedir un menú.

Os locais participantes en Santiago Paixón Doce son: Bicoca, Metate, Recantos, O Celme do Caracol, A Cuchara do Villar, Los Caracoles, Casino, Cre-Cotte, Rey, Orfeón - San Francisco Hotel Monumento, Cervantes, Airiños Aires, Caney, Coruña, Stollen, Polígono, Mesón Ferradura, Góndola, Góndola II, Farggi e El Pasaje.

Entre as propostas dos locais participantes poden atoparse propostas tradicionais, como "Leite fritido de Venres Santo", "Arroz con leite do convento", "Torrixas de Mércores Santo" ou "Rosca de Pascua". Pero tamén poder atoparse propostas máis innovadoras, elaboradas a partires da tradición, como "Paixón de café con crocante de améndoa", "Rosca de Pascua de froitos vermellos" ou "Filloas recheas de crema con salsa de laranxa e noces".

Santiago Paixón Doce é organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela. O obxectivo do evento é dobre: dinamizar o consumo nos locais de Santiago durante a Semana Santa e, ao mesmo tempo, continuar consolidando a cidade como destino turístico gastronómico apoiándose nos produtos propios e elaboracións típicas de tempada.

A concelleira Marta Lois destacou que a coorganización do evento entre Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela continúa o modelo de traballo inaugurado na última edición de Santiago(é)tapas, que se amosou como o xeito máis efectivo de traballar conxuntamente dende o sector público e o privado.
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela