Skip to main content

Galicia reclama en Barcelona a súa capacidade do turismo de negocios

A feira IBTM World de Barcelona acolleu a presentación de Galicia como destino do turismo de congresos e eventos, o denominado sector MICE, ante operadores internacionais, que puideron coñecer as potencialidades e infraestruturas da Comunidade para acoller este tipo de actividades. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na cita e mostrou o apoio da Xunta de Galicia a este importante nicho de mercado que encaixa co modelo turístico galego.

Como lembrou Nava Castro, Galicia é un destino cada vez máis competitivo que se identifica con elevados estándares de calidade. Así o amosan, entre outros parámetros, o liderado nas Q de Calidade Turística, con preto de 300 establecementos e servizos recoñecidos despois de catorce anos consecutivos de crecemento, un caso único nas autonomías españolas.

“Estamos convencidos da capacidade da nosa Comunidade e, particularmente, das nosas cidades neste tipo de turismo”, expuxo a directora, quen salientou que en Galicia “o turista de reunións e congresos atopa a estabilidade e o ambiente de tranquilidade que busca”. Por iso, reivindicou o potencial de Galicia no chamado turismo bleisure, no que se combinan os negocios co tempo para o ocio, termo xurdido dos vocábulos business e leisure en inglés.

Nava Castro sinalou que a Estratexia do turismo de Galicia 2020, documento consensuado co sector que aposta por un turismo de calidade e sustentable, conta cunha liña específica para o turismo MICE. Isto mostra a importancia que ten para o Goberno galego, consciente da capacidade de gasto deste perfil de viaxeiro e a súa influencia na destacionalización. Esta potencialidade está avalada pola capacidade hoteleira de Galicia, os seus palacios de congresos e feiras, conexións aéreas ou empresas. A estes factores únese unha contorna e unha oferta recoñecida pola súa paisaxe, enogastronomía, termalismo ou o seu patrimonio.

Ata 15.000 expositores

A presentación na IBTM World de Barcelona foi promovida conxuntamente por OPC Galicia (Organizadores Profesionais de Congresos), a Asociación de Palacios de Congresos de Galicia, Hospeco (Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña), Asehopo (Asociación de Empresarios de Hospedaxe da provincia de Pontevedra) e Galicia Destino Golf.

Entre os 15.000 expositores reunidos na feira atópase Turismo de Galicia, que acode un ano máis, dentro do seu calendario de promoción, cunha mesa de traballo e un mostrador no stand de Turespaña. Nela, durante tres xornadas, atende as citas dos profesionais e mostra a oferta galega do turismo de negocios. Apoia e comparte espazo con tres co-expositores: Santiago de Compostela Convention Bureau, Turismo da Coruña e DMC Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia