Skip to main content

A Mobile Week Coruña achégase ao Gaiás cun encontro sobre ciberseguridade

A Amtega colabora coa MWC con 17 actividades para estender súa influencia á área metropolitana da Coruña e a Santiago de Compostela. A programación está dispoñible na web da MWC.

A sesión da mañá, “PemeSegura.gal: Xornada de ciberseguridade”, está dirixida a empresas. No mundo actual, todas están expostas a sufrir un ciberataque e, malia que a seguridade total non existe, nesta sesión preténdese dar unhas pautas sobre as medidas que se poden adoptar para facer fronte a este problema.

A xornada contará con dous relatorios a cargo de dous expertos na materia, Luis Hidalgo, de INCIBE (https://www.incibe.es/), e Enrique Serrano (https://www.enriqueite.com/), cofundador de Mundo Hacker. A xornada matutina rematará cunha mesa temática na que especialistas galegos tratarán temas como o novo regulamento de protección de datos, os novos servizos de seguridade, a seguridade en contornos industriais ou os incidentes de seguridade.

Esta actividade está destinada principalmente a xerentes e responsables de empresa e de seguridade e, en xeral, profesionais con interese en abordar o impacto da ciberseguridade na competitividade das organizacións. Para participar nela cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A inscrición é de balde e aínda é posible facela, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

A ciberseguridade na túa casa

Nun mundo hiperconectado cómpre actuar con garantías ante as ameazas en Internet, como o sexting, a ciberviolencia de xénero, o ciberbullying ou a fraude dixital. Por este motivo, a sesión da tarde, “Ciberserguridade na túa casa: ciberseguridade para tod@s”, abordará estes riscos da man de recoñecidos especialistas en cada unha das materias.

Así, a asociación Pantallas Amigas; Fernando Villar, formador da Garda Civil; ou Carlos Pérez, CISO de Abanca, compartirán con todas as persoas asistentes as medidas de protección máis apropiadas para salvagardar os nosos pequenos e pequenas e a nosa identidade dixital, ou para facer un uso responsable de internet así como evitar fraudes dixitais, como o hackeo das tarxetas de crédito ou o roubo de información sensible.

A sesión da tarde está dirixida a pais e nais, nenos e nenas, profesionais da educación e cidadanía en xeral. A asistencia é de balde e cómpre inscribirse na web da MWC.

17 actividades da Coruña ao Gaiás

A xornada de ciberseguridade é unha das 17 actividades coas que a Axencia pública autonómica contribúe coa vocación da Mobile Week de irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade. Entre o 21 e o 28 de novembro as aulas CeMIT de Abegondo, Betanzos, Sada e A Coruña acollerán cursos e obradoiros de alfabetización dixital, formación específica sobre o uso dos servizos dixitais, programación Scratch, busca de traballo en internet e charlas divulgativas sobre os novos perfís dixitais.

As actividades complétase con visitas ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, o Corazón Dixital de Galicia para o que os interesados se poden inscribir a través do mail cemit@xunta.gal.
Mobile Week Coruña