Skip to main content

A XXVIII Festa de Exaltación do Pan de Cea homenaxea o produto estrela do municipio

A presentación do evento gastronómico tivo lugar hoxe no centro cultural "Marcos Valcárcel", acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares; e o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) "Pan de Cea", Carlos Rodríguez.

A Deputación de Ourense colabora con este evento que aposta por "unha das xoias dos nosos produtos gastronómicos", dixo Manuel Baltar, quen felicitou ao alcalde de San Cristovo de Cea por esta festa que converte ao municipio "na capital gastronómica galega do mellor de Galicia, pola alianza que manteñen con outros Consellos Reguladores da Comunidade Autónoma".

Esta vixésimo oitava edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea é "unha nova demostración de forza co mellor argumento que é este produto, sendo tamén unha foto fixa dunha das tradicións máis importantes gastronómicas da provincia e unha homenaxe a todos aqueles que se dedicaron a producir este pan, unha excelente tarxeta de presentación da nosa provincia porque é sinónimo de calidade e de excelencia", salientou o presidente do goberno provincial.

Pola súa parte, o alcalde de San Cristovo de Cea agradeceu que desde o ano 1992, cando se decidiu crear esta festa, a Deputación de Ourense "apoie incondicionalmente esta celebración e aos verdadeiros artífices desta festa que son os panadeiros". Así mesmo, José Luis Valladares destacou o traballo que hai detrás do pan de Cea, un produto "elaborado durante 6 ou 7 horas".

Neste mesmo sentido, Carlos Rodríguez salientou o incremento experimentado na produción deste pan afirmando que "aumentamos un 3% con respecto ao ano 2017, chegando case ás 700.000 pezas e esperamos superar este ano as 800.000 pezas". Este incremento debeuse a unha maior demanda por parte da Comunidade Valenciana e Andalucía, e a que se mantén a presenza nos mercados habituais como Madrid, País Vasco e Cataluña, explicou o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) "Pan de Cea". Actualmente –dixo Carlos Rodríguez- hai 17 fornos tradicionais inscritos no Consello Regulador.

Programación

Como actividade previa á celebración, o sábado, 6 de xullo, terá lugar a VI Ruta dos Fornos, un percorrido gastronómico por cinco fornos do pan de Cea onde os asistentes poderán degustar uns petiscos acompañados dun viño. A ruta estará amenizada polas formacións Airiños do Coto, Feitizo de Pau, Pandereteiras de Cea, Pandereteiras Ferreñas do Monte e Pandereteiras Ponte da Prata. Ademais, os grupos De perdidos al trío e Gin Toni´s actuarán, respectivamente, no Forno da Cebola, ás 20.00 horas e na praza Maior ás 22.30 horas.
Ao día seguinte, o domingo 7 de xullo, comezará a XXVIII edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea, ás 10.00 horas, coa saída do pasarrúas animado por diversas charangas. Ás 12.00 horas será a recepción de autoridades no Campo da Saleta e posteriormente terá lugar a lectura do pregón da festa a cargo de Dani Ríos e continuará a xornada cunha degustación de produtos galegos con distintivo de calidade e coas actuacións da charanga Castro Bello e Troula Group.

A comida popular celebrarase ás 14.30 horas cun menú a base de produtos galegos acompañados polo produto gastronómico estrela da festa, o pan de Cea. A partir das 17.00 horas volverá a música a ser a protagonista da xornada coas actuacións da charanga Terra de Trives, Os Charaviscas e Pepe Vaamonde Trío.
Deputación de Ourense