Skip to main content

Rebulir sitúa a Ourense no epicentro da cultura de raíz na XIV edición do seu Festival Internacional

O FIR, organizado pola Asociación Cultural Rebulir, co apoio institucional do Parlamento de Galicia, Consello da Cultura Galega, Deputación de Ourense, Inorde, Concello de Ramirás, Concello de Celanova, as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, e da Xunta de Galicia por medio da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Secretaría Xeral de Emigración, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Dirección Xeral de Políticas Culturais e Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, foi presentado e inaugurado esta mañá no salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcarcel. Ao acto asistiron o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz; a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil; a responsable de comunicación da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue da Consellería de Sanidade, Ángeles Pazos; e o director artístico do FIR, Alexandre Sotelino.

Na súa intervención, Sotelino salientou a intención deste FIR de “ mergullar de cultura” a todos os recunchos do Concello de Ramirás, da Comarca de Celanova e mesmo da Provincia enteira, “dende os cero anos á persoa máis maior que queira ser partícipe deste evento”. Deste xeito, na programación que hoxe comeza, haberá actividades na escola infantil, no colexio, no centro de maiores e en varios establecementos hosteleiros.

En canto ás novidades desta XIV edición, Sotelino destacou ao actor Pepe Penabade, como presentador da gala central do Festival, onde representará a súa personaxe do afiador Rudesindo da Barrosa. “Esto vai supoñer que a gala será teatralizada cun guión continuo que guiará aos espectadores por diferentes lugares do planeta na traxectoria dun afiador”. Outra das novidades, e quizais a máis senlleira, é o proxecto que se realizou nos últimos meses no Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela onde os mozos do obradoiro de cerámica elaboraron as lembranzas que se entregarán no FIR. En palabras de Sotelino “este proxecto fai que o festival cobre todavía máis sentido por medio desta colaboración, xa que a diversidade non só pasa polo eido cultural”.

A gala central do Festival, prevista para as 19,00 horas deste sábado no polideportivo de O Picouto, acollerá as actuacións de seis agrupacións, ademáis do colectivo anfitrión, Rebulir. Mostrarán o seu folclore Banda de Gaitas de Noreña xunto con Grupo Xeito (Asturias), Grupo Coral Bafos de Baco (Portugal), Grupo folc. Ciudad de Cádiz (Andalucía), Compañía Internacional Jeruti (Paraguai) y Ballet Dakar (Senegal). Amosarán sobre o escenario os seus traxes e tradicións “con gran calidade artística e unha ampla traxectoria ás costas”, engadiu o director, “e participarán as actividades previstas por toda a comarca”.

Á gala acudirán tamén os galardoados cos Premios Rebulir da Cultura Galega 2019: Antonio Durán “Morris”, pola súa traxectoria nos medios audivisuais; Rosa Cedrón, no eido da música galega; e representación da Coral de Ruada, no centenario da súa fundación.

No referido ao lema, o director explicou que “cultura ata médula, é porque a cultura e os nosos comportamentos é algo que aprendemos desde que temos 1 hora de vida, e iso cala tan profundo que nunca o poderemos obviar, e que ao mesmo tempo nos marca na relación con outros”. Por iso, fixo especial fincapé no agradecemento á ADOS - Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, “coa que xa traballamos na pasada edición para reinvindicar a interculturalidade e igualdade dende unha perspectiva educativa por medio das nosas actividades do festival”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, salientou a posición de Ramirás para esta fin de semana como “o epicentro dunha cita internacional de música e danza, que chega coa intención de amosar un amplo repertorio musical e étnico a todos os veciños e ourensáns, buscando a súa implicación”. Asimesmo, tivo palabras adicadas ó propio colectivo Rebulir, “que traballan polo miúdo para comprometerse coa cultura tradicional e darlle visibilidade”.

A delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz, salientou o apoio que “dende os seus inicios se ten dado a este Festival con ampla traxectoria, o que se traduce en que a música, a danza e a cultura están vivas na nosa terra”. Díaz fixo fincapé “na base e esencia do certame: o enriquecedor contacto interxeracional entre nenos e maiores e na labor que se fai a prol do noso para dinamizar socioculturalmente a nosa provincia”. Rematando, a delegada territorial da Xunta felicitou á organización por “involucrar a labor social de algo tan necesario como son as doazóns por medio de charlas formativas”.

A directora xeral da Axencia de doazón de Órganos e Sangue da Xunta de Galicia, Ángeles Pazos, amosou a súa felicidade por “que Rebulir teña contado con nós e o Festival estea adicado ao solidario e xeneroso xesto da doazón, que tan ben e tanto caracteriza aos galegos”. En canto á súa participación no Festival, explicou que “impartiremos charlas informativas a nenos e nenas da ensinanza primaria e instalaremos un stand no pavillón de O Picouto para explicar dos distintos xeitos da doazón”.

Foi a rexedora municipal, Isabel Gil Álvarez, o que insistiu en que “seguiremos apoiando esta iniciativa con tanta vida e tanta mexha que nos enche de orgullo, tanto a nivel institucional como veciñal”. Asemade, engadiu que “é moi doado dicilo, pero non tanto manter este Festival con vida, xuntando e movendo á xente como o fai o equipo tan bo Rebulir”.
Festival Internacional Rebulir