Skip to main content

Dez días de teatro, catorce anos de Festival Internacional de Teatro de Ourense

A presentación da edición de 2021 do festival tivo lugar este venres no Teatro Principal de Ourense coa participación de representantes das entidades promotoras, entre elas a Universidade de Vigo. Nela, Ana María Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, salientou a súa satisfacción por “poder estar novamente presentando este festival” coas demais entidades que “apostamos, que cremos neste evento”. Neste senso, Jacobo Sutil, director de Agadic (Xunta de Galicia), recalcou como despois de 20 meses nos que “o sector cultural tivo que estar reinventándose” debido á pandemia “temos que apoiar a puxanza do sector cultural”. Pola súa banda, Olga Mojón, directora do Teatro Principal, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, salientaron a importancia desta cita cultural para a cidade e a provincia.

Fina Calleja, directora do Fito desde Sarabela Teatro, salientou como este festival é posible porque “cremos no teatro como un espazo de convivencia, na cultural como un pilar de desenvolvemento de calquera sociedade”. Na edición deste ano, subliñou, “o foco está moi colocado nos artistas da cidade e da provincia de todas as disciplinas” e nas artes escénicas galegas que, recalcou, están a vivir “un momento moi brillante a nivel de creación”.

A programación, na que se mesturará teatro, teatro de rúa, danza e clown, entre outros xéneros, contará coas actuacións de Compañía Viejas Promesas (Madrid); Imaginart Teatro (Castilla y León); Paula Malik (Colombia); Boca de Cao (Portugal) e Artesacía, Cía Furia Sotelo, Teatro do Atlántico, Producións Teatrais Excéntricas e Marta Alonso de Galicia. O Teatro Principal de Ourense será o escenario que maior número de actuacións acollerá pero tamén haberá programación na Casa da Cultura do Concello de Barbadás e no CEIP Mestre Vide de Ourense. Ademais, o festival recupera “a rúa como espazo de programación de dous espectáculos e as accións de divulgación do certame no centro da cidade, nos barrios e nos centros de ensino (institutos e universidade)”.

Ourense Fervescénica e A Casa Vella

Na presentación desta edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense tamén se presentou 67 Graos. Ourense Fervescénica, unha iniciativa que “nace coa filosofía de que o festival sexa facilitador entre artistas e creadores radicados ou vencellados coa cidade para dar voz e visibilidade aos seus traballos, que sexa esta unha plataforma que garanta e permita a transferencia de coñecemento e experiencias baixo os criterios que ás liñas de programación do Fito xa lle son propios”. Esta proposta, que segundo indican desde a súa organización xorde ante “a precariedade do sector cultural na cidade de Ourense”, materialízase nun concurso de ideas no que creadores de diferentes ámbitos artísticos poden postularse para ser os beneficiarios de cinco bolsas de creación cunha dotación económica de 300 euros que facilite a creación de espectáculos a escala, preformances, pequenas pezas singulares que deberán ter como carta de natureza a contemporaneidade, a hibridación e diálogo entre xéneros e disciplinas, a transversalidade e o diálogo entre as diferentes artes vivas. O prazo de presentación de propostas está aberto ata o 8 de outubro e as ideas seleccionadas amosaranse ante o público durante a celebración do certame.

No marco do obxectivo do Fito de querer ser plataforma e dar visibilidade a novos proxectos, na programación deste ano inclúese como actividade paralela a iniciativa A Casa Vella (Allariz), “un dos proxectos máis innovadores que este ano 2021 se puxo en marcha na provincia de Ourense e do que a coreógrafa Nuria Sotelo é responsable”. Trátase, indican desde o festival, “dun novo espazo de creación e acción social no rural, para a promoción da investigación e formación artística, o uso creativo e saudable do corpo, o respecto polo medio natural e a posta en valor dos seus recursos endóxenos e o patrimonio cultural inmaterial”.
Universidade de Vigo