Skip to main content

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira estrea a súa nova web abrindo o Concurso Runas 2022 para grupos noveis

A pandemia provocou que para 2022 sexan nove as bandas finalistas que participarán na última fase; as tres que quedaron finalistas en 2020, as tres que quedaron finalistas no 2021, e as tres que saian elixidas nesta edición de 2022. Así, xunto co resto de programación, o Festival ampliarase e pasará de catro a oito días de duración, polo que será #OMáisLongoDaHistoria.

Os 3 finalistas do presente concurso 2022, escollidos a través da votación online e do xurado, anunciaranse en tres días diferentes (un cada día), o 25, 26 e 27 de maio, e serán contratados para actuar no escenario da Alameda no Festival 2022. Cada un percibirá un caché de 1.500 euros, e alí competirán xunto cos vencedores do Proxecto Runas 2020 e 2021. Da actuación dos finalistas do ano 2020 e dos anos 2021 e 2022, sairán os tres gañadores que actuarán no 2023.

Poderán tomar parte no concurso as formacións cuxa lista aborde a música tradicional dos países de orixe Celta, en sintonía coa música habitual que se programa no Festival, calquera que sexa a súa procedencia. O material para participar poderá enviarse ata as 23:59 h do venres 29 de abril e o proceso de selección constará de 2 fases:

Na primeira fase un comité técnico nomeado polo Concello de Ortigueira fará unha selección dun máximo de dez traballos de entre os recibidos que reúnan todos os requisitos solicitados. O 6 de maio dará comezo a segunda fase na que os traballos dos dez grupos seleccionados poderán ser votados e escoitados na páxina web oficial www.festivaldeortigueira.com. Esta segunda fase finalizará o venres 20 de maio ás 14 h, dando lugar á selección de finalistas.

Os finalistas determinaranse por un sistema de cinco votos. Un voto sairá da votación popular na páxina web do Festival e os outros catro votos procederán dun xurado composto por músicos, xornalistas musicais e promotores seleccionados polo Concello de Ortigueira.

Os tres grupos finalistas serán anunciados na páxina web e as redes sociais do Festival o mércores 25, xoves 26 e venres 27 de maio de 2022 (un grupo finalista cada día). Desde a elección dos finalistas ata a celebración do festival, realizarase a promoción dos grupos finalistas a través da publicación dos seus temas, entrevistas, vídeos, ou aquel material do que dispoñan ou xeren neste tempo, nos perfís oficiais do Festival en redes sociais, así como na web www.festivaldeortigueira.com.

Os gañadores das edicións de 2020, 2021 e 2022 serán contratados para actuar no Festival do ano 2023 e percibirán cada un deles un caché de 3.000 euros pola actuación. O xurado poderá non propoñer ningún grupo si estima que este ano non compren uns mínimos de calidade artística e musical.
Festival de Ortigueira