Skip to main content

Galiciencia, a maior feira científica da comunidade, reúne un centenar de proxectos de alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Primaria de toda Galicia

Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. A feira vai reunir en torno ás diferentes actividades programadas a máis de 5.400 participantes.

Desde un sistema refrixerado para o traslado de órganos aos hospitais, ata un proxecto de eco-casa fabricada con madeira

Na feira participan un total de 99 proxectos. De Secundaria, Bacharelato e FP son 50 presenciais e 20 online; e de Primaria 29 presenciais. Hai propostas moi variadas e de campos tan diversos como a agricultura, bioloxía, física, medio ambiente, comunicación, música, robótica, tecnoloxía… ademais da madeira, protagonista desta edición.

Un equipo propón un sistema refrixerado para o traslado de órganos aos centros hospitalarios para a realización de transplantes, tamén se presenta un método para obter enerxía de maneira limpa mediante o aproveitamento da auga da chuvia, un estudo sobre as bebidas isotónicas, unha caixa automática para facilitar a administración de medicamentos, unha axenda escolar dixital, un dron autosuficiente para a localización de conatos de incendios, un chaleco para ciclistas con capacidade de previr accidentes, un sistema intelixente para o coidado de plantas, un estudo sobre as aves nocturnas do Courel, a elaboración dun funxicida natural a base de ortigas, o cultivo de setas con propiedades saudables en troncos de eucalipto…

Destacan propostas de impacto social como unhas gafas de realidade virtual para que as persoas con discapacidade auditiva poidan sentir a música, un método que emprega a intelixencia artificial para detectar TDAH nas aulas, un peluche deseñado para calmar os ataques de ansiedade…

En relación coa madeira, un equipo pesenta un adhesivo específico para este material, un estudo determina que tipo de madeira é o máis sostible para quentar os fogares, hai un proxecto de eco-casa que emprega a madeira como material principal, unha máquina recreativa elaborada con distintos tipos de madeira, un piano xigante de chan feito con madeira ou xoguetes tradicionais de distintos países que empregan a madeira como materia prima, entre outras moitas ideas e proxectos.

Os máis pequenos están a descubrir que a madeira é un material maleable, que durante séculos permitiu crear cestos, sombreiros e mesmo obras de arte

Ademais do concurso de proxectos, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. O alumnado de Primaria e Educación Especial está a participar en dous talleres diferentes. Por un lado, na experiencia “Enredando coa madeira: da árbore ao cesto” a rapazada pode coñecer como a madeira é un material duro e resistente, pero en contacto coa auga abranda e vólvese maleable. Nesta liña, están a descubrir como esta propiedade tan asombrosa lles permitiu durante séculos aos cesteiros e cesteiras tecer cestos, sombreiros e mesmo obras de arte, grazas aos recursos que nos dan as árbores.

Por outro lado, o taller “Harmonía coa madeira: cúpulas xeodésicas” céntrase nestas estruturas de gran beleza, cuxa simetría e regularidade resultan visualmente moi atractivas. O alumnado ten a oportunidade de comprobar como, aínda que se poden construír con diferentes materiais, a madeira é a que lles dá ese matiz harmónico. Así, están a gozar coa construción de pequenas cúpulas con pauciños e conectores impresos con tecnoloxía 3D a base de madeira, comprendendo dun xeito moi sinxelo a forza estrutural que achegan os triángulos.

Programa de radio

Os rapaces e rapazas de Secundaria e Bacharelato que expoñen os seus proxectos na feira tiveron esta mañá a ocasión de asistir e participar no programa “Efervesciencia” da Radio Galega, que conduce Manuel Vicente. No transcurso do mesmo contouse coa participación dos expertos e expertos no eido da madeira e co director do Parque Tecnolóxico de Galicia, Javier Taibo.

Mañá xoves, o espectáculo de ciencia poderá seguirse por streaming

Na xornada de mañá xoves, entre as 11:00 e as 12:00 horas, vaise celebrar un novo espectáculo de ciencia para alumnado de Secundaria, FP e Bacharelato. Poderá seguirse a través da canle de Youtube de Tecnópole (https://www.youtube.com/tecnopole).

Ademais, terá lugar a final do desafío científico “Atrévete coa Madeira!”, no que durante os últimos meses participaron equipos desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online.
Galiciencia