Belén Prado avoga polo intercambio de experiencias entre administracións en temas de emprego

Belén Prado trasladoulles aos directores xerais o interese concreto da Xunta por intensificar o intercambio de experiencias con outras Administracións, o que constitúe un dos alicerces do recén presentado Plan de Modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia. A conselleira informou aos representantes autonómicos das liñas xerais que contempla este proxecto, co que se pretende proporcionar unha atención máis personalizada a cada usuario e reducir o máximo posible a súa permanencia como demandantes de emprego.
A conselleira faloulles tamén do plan pola estabilidade e a calidade do emprego que o departamento que dirixe vén de presentarlles aos sindicatos. Neste sentido, Prado sinalou que só a través do diálogo cos axentes sociais pode a Administración acadar o obxectivo do pleno emprego.
AXENDA
Os directores xerais de emprego reúnense unha vez cada seis meses para intercambiar impresións sobre asuntos de actualidade referidos á súa área de traballo. Nesta ocasión, a xuntanza centrarase en tres asuntos: a reforma do mercado de traballo e as políticas activas de emprego; a formación continua dende a perspectiva das Comunidades Autónomas e as empresas; e a presentación de programas de boas prácticas. Neste último aspecto, debateranse dous proxectos: un plan de captación de traballo por parte dos servizos públicos de emprego e unha rede integrada de orientación laboral.
Xunto aos directores xerais, participan na xuntanza o profesor de Economía da Universidade de Alcalá de Henares Juan Francisco Jiménez, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade Autónoma de Madrid Santos Miguel Riesga e o director de relacións Laborais do grupo PSA-Citroen de Vigo, Miguel Ángel Puyme.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia