Skip to main content

O SLG considera inadmisible a nova baixada no prezo do leite

A industria pretende apropiarse de xeito ilexítimo e indirecto das novas axudas compensatorias establecidas pola Axenda 2000
O Sindicato Labrego anima á Administración a aplicar a única solución efectiva a este problema: un prezo mínimo legal de 33 céntimos por litro
Dende o Sindicato Labrego Galego, somos incapaces de ver as razóns obxectivas que ten a industria para anunciar agora unha nova reducción do prezo de entre 1 e 2 pesetas por litro, cando a experiencia nos demostra que os consumidores non van pagar menos polo producto final, e que a depreciación non responde a un exceso de oferta no mercado. Esta baixada unilateral dos prezos demostra unha actitude de franca prepotencia por parte da industria, que pretende incrementar os seus fabulosos beneficios a costa de arruinar a economía de miles de familias que dependen do sector.
A situación pode ter, ademais, outra lectura. Dende a axenda 2000, que establece a continua e paulatina baixada dos prezos –aínda que non o fai ao nivel que o sector está a soportar-, fálase da instauración dunha prima compensatoria para o leite que se vai aplicar, por primeira vez, este ano 2004. A nova Política Agraria Común establece que esta prima rozará as dúas pesetas por litro de leite, xusto o que pretende aforrar a industria a conta das explotacións. Dende o SLG sospeitamos que o sector industrial, coa nova baixada dos prezos, só pretende aproveitarse desta xusta e insuficiente compensación dirixida aos productores e embolsala na súa conta de beneficios, roubando así o que de ningún xeito lle pertence.
Esta actitude é totalmente contraria á supervivencia das explotacións lácteas, absolutamente inadmisible dentro da economía de libre mercado, e só explicable pola complicidade da Administración, que é quen ten a chave para garantir a supervivencia das explotacións que aínda nos quedan.
Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que a única saída estable á crise debería comezar por establecer un prezo mínimo para que o leite que non baixe de 0,33 euros / litro; e por eliminar esta política de abusos que prexudica gravemente ao sector productor e á cidadanía, tanto nos prezos como na calidade.

Sindicato Labrego Galego