Silleda acolle a XXXI Semana Verde de Galicia

O máximo mandatario galego indicou que cómpre “traballar na dirección na que o estamos a facer”, en relación coas medidas adoptadas polo Executivo autonómico para introducir transparencia na negociación dos prezos. Pérez Touriño destacou que ademais das iniciativas do Goberno galego, debe actuar o Goberno central, e rexeitou as solucións locais. Nese sentido, sinalou que é necesario activar no marco da Unión Europea “medidas concertadas” que permitan “unha actuación extraordinaria no mercado” para dar saída aos excedentes de produción para que as empresas non presionen a prol da rebaixa dos prezos.
Ademais, Touriño reclamou medidas en torno ás políticas de importación para evitar as prácticas ilegais en relación co uso de leite concentrado e a venda de produto por debaixo dos custos de produción. En definitiva, o presidente da Xunta avogou por “afinar todos os mecanismos posibles” para superar as dificultades do sector do leite.
Paralelamente, o xefe do Goberno autonómico sinalou que o Goberno galego continuará actuando para facilitar a negociación dos prezos mediante medidas como o contrato homologado ou a factura tipo. Ademais indicou a necesidade de apoiar as medidas de traza para a adopción do “Q” de calidade e avanzou a implantación dun sistema de certificación do leite producido en Galicia.
Un Goberno comprometido co reequilibrio territorial
Durante o acto, no que tamén participaron o conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, e o do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, o presidente da Xunta asegurou que o Executivo autonómico está “fondamente comprometido co desenvolvemento rural” desde o primeiro día da lexislatura, así como coa superación da “Galicia de dúas velocidades”. Nese sentido, Touriño afirmou que o Goberno que preside está “literalmente volcado” co reequilibrio territorial”, polo que activou un Plan que mobilizará ata 2010 un total de 3.700 millóns de euros.
No camiño cara á unha “Galicia integrada”, o presidente galego resaltou a importancia do Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural, do que subliñou que rematará o ano “cun grao de execución do 102%”. Xunto con isto destacou a posta en marcha de medidas destinadas a mellorar “a ordenación” do traballo no rural, como a constitución do Banco de Terras ou dos contratos de explotación sustentable.

A Xunta garante o futuro da Semana Verde
O presidente da Xunta expresou hoxe o compromiso do Goberno galego co futuro e “coa viabilidade da Semana Verde e da Fundación que a leva adiante”. “A Xunta de Galicia quere proxectar cara ao futuro esta traxectoria de éxito, apostando por unha feira que, partindo das súas capacidades, fortalezas e potencialidades, saiba aproveitar as oportunidades para seguir sendo un referente no sector agropecuario e agroalimentario”, resaltou.
Emilio Pérez Touriño sinalou que xa se empezou a dar “pasos importantes nesta nova etapa de fortalecemento da Semana Verde de Galicia” coa modificación dos estatutos da Fundación e a toma de posesión do novo padroado, presidido polo conselleiro da Presidencia, e coa decisión de “crear unha estrutura de dirección altamente profesionalizada”. Tras sinalar que a Xunta ten un compromiso financeiro que permitirá levar adiante os compromisos feirais deste ano e do vindeiro exercicio, o presidente galego resaltou que o Goberno galego está a garantir “a continuidade da Fundación Semana Verde de Galicia e con elo a viabilidade da Feira Internacional e do resto de eventos que organiza a Fundación”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia