Skip to main content

Navalia presenta as liñas de apoio do Plan Re-forza 2010

Navalia acolle o xoves 20 de maio, a partir das 17,30 unha xornada informativa específica destinada a explicar aos empresarios as novas liñas de axuda habilitadas pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no marco do Plan re-Forza 2010.

Técnicos e directivos do instituto que preside o conselleiro Javier Guerra serán os encargados de debullar as novidades normativas en vigor para apoiar iniciativas de internacionalización empresarial, proxectos de investimento ou actuacións orientadas á impulsar a mellora da competitividade das empresas galegas.

Esta xornada informativa sobre o novo marco de apoio aos proxectos empresariais habilitado no marco do Plan re-Forza 2010 desenvolverase no espazo expositivo da Consellería de Economía e Industria en Navalia (no IFEVI, en Vigo).

O relatorio sobre os obxectivos do Plan re-Forza 2010 e a clausura correrá por conta do director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, e será a partir das 18,30 horas. O Plan re-Forza ten entre os seus obxectivos fundamentais os destinados a acadar unha maior competitividade das empresas galegas, favorecer a súa internacionalización e axilizar “ao máximo” o tempo de resposta ás solicitudes de apoio dos empresarios, para que as axudas podan ser realmente efectivas.

Desde o pasado día 18, o Igape dispón dun equipo técnico permanente no espazo expositivo da Consellería de Economía e Industria en Navalia para asesorar e orientar aos empresarios e profesionais visitantes sobre todas as novidades dos programas de axudas e servizos do Igape.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia