Skip to main content

Conservas Calvo únese á denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, celebrou a adhesión de conservas Calvo ao sistema de certificación da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia e considera que “é un paso máis na valorización do produto”, un dos obxectivos prioritarios do seu departamento. De feito, a conselleira agarda manter a liña de incremento do prezo medio do mexillón “aínda máis”, tendo en conta que aumentou o ano pasado un 3,6 % respecto de 2009.

Na presentación deste acordo, que se realizou no marco da feira Conxemar, Quintana animou ao sector pesqueiro a “entenderse e unirse para progresar, porque todos somos necesarios para gañar o futuro”. “A competitividade do sector mitilicultor e conserveiro está radicada na integración” aseverou e subliñou a necesidade de integrar as estruturas de produción e transformación.

Ao respecto, salientou a importancia de que todos os sectores –produtivo, transformador e comercializador- defendan unidos os intereses de Galicia e, tal e como recoñece a proposta galega da Política Común de Pesca. “A Xunta tamén está a traballar de cara a xerar conxuncións de sinerxias xa que, nesta suma, o resultado é o máis importante“, dixo.

Na súa intervención sostivo que este acordo “é unha fórmula mestra para facer máis presente o mexillón con Denominación de Orixe Protexida nos mercados” xa que “unha parte pon a calidade dun produto senlleiro e a outra a difusión nos mercados”. Neste sentido, cabe lembrar que Conservas Calvo é un grupo conserveiro con forte implantación en España e fóra do noso país, sobre todo en Sudamérica.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia