Skip to main content

Preséntase a XLIV Festa do Cocido de Lalín na Casa de Galicia en Madrid

A delegación da Xunta en Madrid acolleu a presentación da XLIV Edición do Cocido de Lalín na que interviñeron o delegado e director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega López; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o alcalde do concello, José Crespo Iglesias; o concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez Fernández; o presidente da Academia Española de Gastronomía, Rafael Ansón Oliart e o restaurador, Manuel Domínguez Limeres. Ao acto asistiron tamén os empresarios Fernando Fernández Tapias, Julio Lage, José Solla; os xornalistas e escritores Pilar Cernuda e Carlos Reigosa; e o reverendo Andrés Ramos, entre outros.

Tras as palabras de benvida de Ónega, todos os intervenientes destacaron as excelencias do Cocido que é "máis que un prato" e que se converteu en "o motor dinamizador” da bisbarra, como o proban os miles de turistas que visitan a zona coa festa como reclamo, "O cocido é a desculpa para achegarse ao concello que máis castros celtas ten de toda España, doce ", dixo Crespo, que desexa ademais que "o cocido sexa para Lalín o que o Xacobeo para Galicia, ¡salvando as distancias!". Non en van, dignificamos un prato que antes era de pobres e agora é unha marabilla, que se debe gozar lentamente, coa compañía de familiares ou amigos e cunha longa sobremesa, como o facían hai máis de 40 anos, Cunqueiro, - capaz de distinguir e describir ata 27 sabores diferentes- e Castroviejo, que viñan dende Lugo pola mañá, a comer, e volvían no último coche de liña, con tempo, como debe ser! ".

Aínda que o lema "dende San Amaro ata San Martín, o mes do cocido de Lalín", parece que o mes quedouse curto porque se serviron cocidos ata o mes de maio e xuño. Ao éxito da convocatoria contribúen todas as administracións implicadas, xunto cos restaurantes e as empresas comarcais, porque ademais da comida hai moitos atractivos e numerosas actividades que se poden facer durante todo o ano. Para Crespo "xunto coa presentación, o convite xa está feito. Agora esperámolos en Lalín".
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia