Skip to main content

Xantar consolídase como plataforma internacional do sector na 13ª edición

Consolidado como plataforma para dar a coñecer o potencial do agro e do mar galego a nivel internacional, abriu as portas en Expourense a decimoterceira edición de Xantar que foi inaugurada pola Conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa quintana, quen definiu a esta cita como “o escenario perfecto para a promoción conxunta dos produtos do sector primario que reflicte o potencial da gastronomía da nosa comunidade”. A conselleira estivo acompañada, entre outras autoridades, pola secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, quen destacou a Xantar como “a gran cita da gastronomía de España e Portugal que cada ano acada maior proxección internacional”. Neste acto participaron ademais o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, o presidente en funcións da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Luis Fernández, e o presidente da Cámara Municipal de Horta, das Illas Azores (convidado especial nesta edición), José Leonardo Goulart, quen suliñou que “xantar é unha excelente oportunidade para establecer relacións comerciais entre Galicia e As Azores, sobre todo no sector primario”.

Xantar abriu as portas dunha edición marcada pola promoción do Camiño Mozárabe, do Entroido e das máis de 300 festas gastronómicas celebradas en Galicia, en especial daquelas consideradas de Interese Turístico. Hoxe deu comezo tamén o VII Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde coa conferencia do presidente da Fundación Española para a Nutrición, o Dr. Gregorio Varela, quen defendeu a Dieta Atlántica como saudable e funcional e que indicou que “Nunca hubo tanto donde elegir, ni menos tiempo y capacidad para hacerlo. Na sociedade de consumo actual hai unha oferta desmesurada en produtos e servizos destinados a uns consumidores sen capacidade de facer unha elección racional. Sirva como exemplo que os nosos ancestros vivían entre un cento de alimentos, e nun hipermercado atopamos maís de 30.000 produtos.

Ademais desta conferencia celebráronse hoxe en Xantar varias exhicións de cociña en directo entre as que destacou a impartida polo recoñecido como “Mellor Mestre

Reposteiro Artesán de España”, Miguel Sierra, quen falou dos almorzos cardiosaudables baseados en froitas frescas coas que ademais elaborou un cestiño con bolas de chocolate.

Outros dos obradoiros de hoxe foron o de productos ecolóxicos, a cargo co chef Flavio Morganti, o do grelo, produto estrela desta edición, que correu a cargo de Domingo González, e o obradoiro con produtos de Galicia Calidade impartido por Iago Pazos e Marcos Cerqueiro do espazo gastronómico Abastos 2.0. O aceite de Xaén, os viños de Galicia Calidade e de Monterrei e os produtos das Azores foron os protagonistas das catas comentadas.

Esta xornada comezará cun acto de recoñecemento ós cociñeiros galegos con Estrelas Michelín ou Soles Repsol.

Arrincan así 5 días nos que 133 expositores XANTAR contará con 133 expositores entre os que destacan os 18 restaurantes, o 61% dos cales son galegos, que ofrecen 30 menús con prezos comprendidos entre os 12 e os 32 euros (24,7 euros de prezo medio) baseados nos seus produtos autóctonos e de calidade.

Polo que respecta a Galicia, os menús están adicados a Festas gastronómicas de Interese Turístico como é o caso do San Froilán de Lugo ou as festas como a lagosta de A Guarda, o Entroido de Ourense, o Corpus de Ponteareas ou o Botelo de O Barco de Valdeorras. Non faltará o menú degustación a base de pataca ofrecido polo INORDE. O resto de menús proceden de Parada de Sil e Ría de Pontevedra - Bueu, que participan por primeira vez, e de Terras de Celanova, Riós e Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés. Unha das novidades desta edición son os menús para celiacos ofrecidos polos restaurantes do INORDE e da Baixa Limia e que contribúen á idea de que gastronomía é saúde e de que Xantar é un salón aberto a todos.

No que se refire ás rexións turísticas portuguesas, ademais das Azores, están presentes o Douro, Viana do Castelo e a rexión de Lisboa e Vale do Tejo. As comunidades españolas participantes serán aquelas atravesadas polo Camiño Mozárabe, isto é, Andalucía, Estremadura e Castela e León.
Silvia Pardo (Coordinadora de Comunicación Expourense)