Skip to main content

A Mostra da Oportunidade ofrece a maior liquidación de stocks de Galicia

Dende o venres 2 de marzo e ata o domingo día 4, Expourense acolle a 19ª edición da Mostra da Oportunidade que ofrecerá os mellores prezos e vantaxes en milleiros de artigos convertendo ó recinto feiral de Ourense nun gran centro comercial onde setenta expositores liquidarán os seus stocks, coincidindo co final do periodo de rebaixas.

Expourense, colaborando co asociacionismo, presentará unha feira con 8.000 metros cadrados onde os expositores ofrecerán os prezos máis competitivos nunha quincena de sectores. Trátase da edición máis multisectorial xa que, se ben o téxtil segue a ocupar un importante espazo na feira (o 30%), comparten protagonismo con outros sectores como os complementos, o moble, a cosmética, a automoción, a alimentación ou os artigos para o fogar, entre outros. O 88,6% dos expositores son galegos, sendo o 67,1% deles da provincia de Ourense. Esta cita convértese así nun excelente escaparate para o comercio local.

Centro comerciais

Esta edición da Mostra da Oportunidade contará coa participación dos Centros Comerciais da provincia de Ourense que viron nesta cita unha excelente ocasión para a liquidación dos seus stocks e para poñerlle o broche final ás rebaixas de inverno. Estarán presentes as asociacións de Ourense Centro, do Couto, a de Verín, a de O Barco de Valdeorras e o Centro Comercial Pontevella. Os establecementos asociados contarán cun espazo en feira para ofrecer os seus produtos (téxtil, decoración, alimentación, etc.) a prezos vantaxosos para os milleiros de visitantes que agarda recibir a Mostra da Oportunidade.

Expourense realizou ademais unha acción especial coa Asociación Ourensá do Moble e a Decoración (ACMO) para potenciar a presenza deste sector na Mostra e que as empresas poidan ofrecer os seus stocks nesta cita. O moble será, polo tanto, un dos produtos que ocupen a maior superficie en feira ofrecendo varios estilos para as distintas estancias do fogar. Destaca ademais a oferta en automoción. Os visitantes terán a oportunidade de adquirir, con importantes descontos, distintos vehículos seminovos e de ocasión de varios modelos, algúns deles de alta gama.

30% de desconto en RENFE

Aqueles que se decidan a visitar Ourense en tren para acudir á Mostra da Oportunidade, entre o 2 e o 4 de marzo, poden beneficiarse dun 30% de desconto en todas as liñas de RENFE, AVANT incluído. Para obter este desconto é preciso presentar o bono que se pode descargar na páxina web de Expourense, www.expourense.org, na sección adicada a esta cita.
Para facer máis cómoda a visita, o salón conta cun amplo horario que vai dende as once da mañá ás nove da noite, é dicir, dez horas ininterrompidas os tres días de feira. A Mostra ofrece ademais cun amplo aparcamento gratuíto.

A Mostra naceu hai xa dazanove anos para ofrecerlle ó comercio minorista galego a oportunidade de liquidar os seus stocks, sendo a feira decana destas características en Galicia. Nesta edición presentarán ofertas moi especiais nun momento no que o mercado máis o demanda.
Silvia Pardo (Coordinadora de Comunicación Expourense)