Skip to main content

Presentado o III Certame Fotográfico Caetra Lucensium

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación provincial de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou, no Claustro do Museo Provincial, na presentación do III Concurso Fotográfico Caetra Lucensium, organizado pola asociación que leva o mesmo nome en colaboración coa vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Ata o 31 de agosto, os afeccionados e afeccionadas á fotografía poderán presentar as instantáneas que tomen durante o Arde Lucus MMXII, que se celebrará do 22 ao 24 de xuño, e que reflexen calquera dos aspectos da festividade. En edicións anteriores, presentáronse a este certame fotografías que Mario Outeiro cualificou de “espectaculares” e que ademais “contribuíron a difundir aspectos culturais do Arde Lucus que en, moitas ocasións, pasan desapercibidos”.

“O Arde Lucus –insistiu o delegado de Cultura e Turismo- é xa unha cita coñecida a nivel estatal e internacional que atrae á cidade un número importante de visitantes, o que repercute directamente na economía local. Nos últimos anos, máis de medio cento de persoas achegáronse a Lugo para participar desta festa caracterizada polos espectáculos temáticos. Dende a vicepresidencia da Deputación de Lugo convidamos a todo o mundo a vir e desfrutar tanto da cidade como das actividades programadas; vivirán unha experiencia festiva pero tamén cultural, grazas a actividades coma este certame fotográfico de Caetra Lucensium”.

Outeiro aproveitou a presentación do concurso para agradecer á asociación Caetra Lucensium o seu compromiso e o traballo que realiza durante todo o ano na divulgación da cultura romana e castrexa coa organización de obradoiros e talleres didácticos.

Os interesados e interesadas en participar no III Concurso Fotográfico Caetra Lucensium poden consultar as bases na web da Vicepresidencia da Deputación de Lugo: www.v1deputacionlugo.org, ou na propia asociación.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo