Skip to main content

O Xacobeo, presente na Feira Expocatólica 2012 de Sao Paulo (Brasil)

O Xacobeo participou na Feira ExpoCatólica 2012 que tivo lugar no recinto Expocenter-Norte da localidade brasileira de Sao Paulo. É a novena edición desta feira anual tida como a segunda en importancia do mundo, trala Feira Relixiosa de Koine na cidade italiana de Vicenza, aínda que esta é só de carácter bianual. O stand do Xacobeo acude por sétima vez consecutiva.

A Feira, que resume a súa actividade mediante o slogan de Centos de produtos e servizos para cultivar a túa fe católica, reúne a empresas editoras, de servizos, distribuidores especializados, congregacións e comunidades, santuarios e colexios e universidades católicas, así como áreas de Educación, Turismo, Xestión Eclesiástica e Vocacións Relixiosas. Entre os apoios cos que conta, está a arquidiocese de Sao Paulo, a Conferencia Nacional dos Bispos do Brasil, A Asociación Nacional de Educación Católica e a Pastoral de Turismo.

O Xacobeo participa cun stand de deseño propio de 24 m2 no que amosa os principais atractivos dos Camiños de Santiago por medio de grandes fotografías e a proxección de vídeos promocionais, ademais de entregar material informativo impreso e atender a cada interesado de xeito individualizado, así como aos numerosos medios de comunicación presentes neste importante evento que ocupa unha superficie expositiva superior aos 15.000 m2 e que o ano pasado visitaron máis de 250.000 persoas.

A Feira conta cunha área específica dedicada ao turismo relixioso e de peregrinacións chamada Salón Peregrinus. Nesta área están presentes, entre outros, destinos como Italia, Israel, Polonia, Francia ou España, xunto coas principais axencias de viaxes e touroperadores especializados neste sector de turismo que é o que está a experimentar un maior crecemento en todo o mundo. No Salón Peregrinus reúnense tamén rutas de peregrinación, municipios con destinos relixiosos e museos de arte sacra.

Ademais, a Feira celebra diversos eventos paralelos como ExpoVocacional, para a promoción das vocacións relixiosas; CONAGE (Congreso Nacional de Xestión Eclesiástica) para a xestión de parroquias, comunidades e casas relixiosas, ou o Salón ANEC relativo á Educación Católica.

O recinto feiral está aberto entre ás 11 e as 20 horas todos os días menos o último, o domingo, que pechará ás 18.00 horas. A entrada é gratuíta para profesionais e relixiosos, mentres que o público en xeral tamén pode acceder sen pagar mediante a doazón de polo menos un kilo, de alimentos non perecedeiros que serán revertidos ás obras sociais da Igrexa.

Destino emerxente

Brasil é o maior país católico de mundo e conta con máis de 1.000 casas relixiosas distribuídas en 11.000 parroquias repartidas en 275 dioceses, mentres que o turismo relixioso engade máis de 20 millóns de peregrinos e os colexios católicos educan a 2 millóns de estudantes. Os Camiños de Santiago espertan alí grande interese e Brasil aporta o maior número de peregrinos procedentes de América Latina, contabilizándose no pasado ano 2011 uns 2.000 que obtiveron a Compostela, a acreditación oficial da peregrinación que expende a Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia