Skip to main content

Case 40 empresas confirman a súa presenza na II Feira Internacional de Emprego

Os días 19 e 20 de xullo, o Pavillón Multiusos Fontes do Sar acollerá por segundo ano consecutivo a Feira Internacional de Emprego de Santiago de Compostela (FIE), un evento impulsado dende a Axencia Local de Colocación. Nesta segunda edición, que supón unha continuidade do proxecto emprendido en 2011 pola Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego do Concello de Santiago, hai xa confirmada a asistencia dun total de 39 empresas, pertencentes a sectores tan diversos como a consultaría, a informática, a formación, a hostalaría ou o ámbito comercial.

O número total de ofertas presentadas a data de hoxe ascende a un total de 211. Destas, 63 postos corresponden a labores comerciais (incluíndo xefe/a de zona; xefe/a de sector; asesor/a comercial e teleoperadores/as), 26 están relacionados co sector da Hostalaría (camareiros/as; camareiros/as de andar e cociñeiros/as), 25 son postos para traballos de Supermercado, un total de 33 pertencen ao ámbito da Formación (incluíndo profesorado para diversas materias e técnicos formadores), 22 para Consultaría (consultores/as; inspectores/as de seguros...), 6 operarios/as de limpeza, outros 10 postos relacionados coa Informática e 8 técnicos/as de mantemento. Tamén se ofrecen traballos en salóns recreativos, perruqueiros/as, licenciados/as en medicina, avogados/as, monitor/a deportivo e operario/a en tinturaría/costura.

Como novidade importante, a II Feira Internacional de Emprego de Santiago incorpora este ano o co-working, unha aplicación deseñada co obxectivo de que as empresas poidan establecer contacto entre si a través do teléfono móbil para crear sinerxías e compartir clientes ou servizos, algo que redunda no mantemento dos postos de traballo. A aplicación será presentada a unhas 50 empresas no transcurso da Feira.

O prazo para enviar o currículo e participar nos procesos de selección de persoal que se desenvolverán ao longo das dúas xornadas da Feira remata o 13 de xullo. A inscrición, totalmente gratuíta, realízase de xeito rápido e sinxelo a través da páxina web da II FIE: http://axencialocaldecolocacion.org/2-fie. Unha vez inscritos, os usuarios poden enviar os seus CV ás ofertas que máis lles interesen.













Isabel Vega Vázquez (Singulae.es)