Skip to main content

Os novos produtos de Turismo de Galicia, na feira INTUR de Valladolid

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo promociona ata o día 25 de novembro a oferta turística galega e o Camiño de Santiago, dentro da feira INTUR que se celebra en Valladolid.

Turgalicia estará presente nesta feira cun stand de 200 metros cadrados no que se distribúen varios módulos para a difusión da oferta turística global da Comunidade galega, os xeodestinos, os produtos cabeceira da marca turística Galicia, gárdasme o segredo? e as cidades.

Esta feira, orientada fundamentalmente ao Turismo de interior, está considerada como unha das máis importantes de España dentro da súa especialidade e a presenza de Turismo de Galicia neste certame permite incidir nun dos mercados interiores máis importantes para a Comunidade galega.

Está previsto que máis de 44.000 profesionais do sector turístico e consumidores finais se acheguen a coñecer a oferta turística dos expositores desta feira que conta tamén con actividades paralelas como xornadas técnicas que inclúen workshop profesional con compradores nacionais e internacionais; obradoiros de coñecemento de mercados como o brasileiro ou o ruso; un campionato de cociñeiros de Castela e León; relatorios sobre innovación; obradoiros de marketing on-line para aloxamentos rurais; debates e coloquios sobre experiencias no Camiño de Santiago.

Mercado de Castela e León

Os viaxeros aloxados en establecementos de turismo regrado galegos procedentes de Castela e León durante o ano 2011, supuxeron o 7% por cento do total dos que recibiu a Comunidade galega, o que os situou no terceiro lugar, logo dos procedentes da Comunidade de Madrid e Cataluña. En total, visitaron Galicia 209.125 viaxeiros procedentes de Castela e León.

Por outra parte, no ano 2011 Galicia recibiu 189.408 excursionistas procedentes de Castela e León, o que supón un 23,32% do total dos excursionistas recibidos na comunidade galega.

Ornitoloxía en Galicia

Algúns dos recursos turísticos da oferta galega que estes días se expón no recinto Feria de Valladolid están relacionados coa ornitoloxía. A información sobre este recurso turístico pode atoparse na web de Turgalicia ou tecleando o seguinte enderezo electrónico www.turgalicia.es/presentacion-de-turismo-ornitoloxico e dende este mes tamén está dispoñible no portal da Sociedad Española de Ornitología -SEO-, sen dúbida o máis importante en España en referencias ornitolóxicas e que sinala a web de Turismo de Galicia como a referencia de Galicia no tema de turismo ornitolóxico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia