Skip to main content

A artesanía de Galicia, na feira de Milán L'Artigiano

A Consellería de Economía e Industria leva a artesanía galega á feira de Milán L’artigiano in fiera, do sábado 1 ao domingo 9 de decembro, coa participación de 12 obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia.

A través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, un ano máis Artesanía de Galicia estará presente no recinto Fieramilano para ofrecer todo o potencial do seu traballo e da súa creatividade. Alí poderanse ver os obradoiros de xoiería en prata Druída, Plata Nativa e A Feitura; os artesáns do coiro Media Lúa e Encoiros; os complementos de Joyas de Papel; o obradoiro téxtil Le Chanelas; os ceramistas María Meda, Pilar Piñeiro, Taller Nordés e Suso Fernández; e a artesá vidreira De Vidro.

Deste xeito a Consellería de Economía e Industria continúa co labor de favorecer a participación dos artesáns nos mercados internacionais, asumindo o 60% ou 65% do custo do espazo. Ademais da xestión dos servizos necesarios no recinto feiral, o transporte e seguro das pezas de artesanía e a montaxe do stand na feira. Estes apoios que se prestan a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño teñen por obxecto facilitar a presenza das empresas artesás no exterior.

L’artigiano in fiera chega á súa 17ª edición e consolídase como o maior evento internacional da artesanía, no que se resalta a capacidade dos creadores de realizar obxectos fermosos e de calidade. Esta feira é un punto de encontro dos pequenos empresarios de todo o mundo e unha oportunidade para activar novas relacións comerciais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia