Skip to main content

A artesanía galega busca novos mercados en París

A Consellería de Economía e Industria promove a comercialización de artesanía galega na feira Maison & Objet, que se celebra en París ata o 22 de xaneiro e que é unha das feiras profesionais internacionais máis importantes de Europa.

A Xunta continúa así coa promoción da artesanía galega no mercado internacional, a través da introdución da marca Artesanía de Galicia como imaxe única dun sector de grande riqueza e heteroxeneidade, a través dun escaparate do produto artesán que se realiza hoxe en día en Galicia, representado por tres obradoiros: Cestería Contemporánea de Idoia Cuesta, provinte de Outeiro de Rei; Regal Cerámica Artesán, de Viveiro, e o taller de coiro Santín, de Cambre, todos eles inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía.

A través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, a Consellería apoia a presenza dos obradoiros na feira e proporciónalles un profesional para as tarefas comerciais que prestará tamén servizos de tradución.

Mediante este tipo de actuacións, preténdese dar a coñecer o traballo dos profesionais galegos, abrir novas canles de comercialización cara ao exterior, ao tempo que contribúe á consolidación de Artesanía de Galicia como marca de calidade e de prestixio nos mercados internacionais.

A mellora da comercialización é un dos eixos estratéxicos do traballo da Consellería para impulsar o sector artesán galego, xunto coa aposta pola innovación, e o fomento da adaptación ás novas tendencias do mercado e do deseño, ao tempo que se preservan os valores que constitúen a esencia dos produtos artesanais, como son os bos materiais, un proceso de produción coidado e un resultado de calidade.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia