Skip to main content

A Conferencia Mundial do Atún, escenario de defensa da competencia nos mercados

O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, participou na presentación da VI Conferencia Mundial do Atún Vigo 2013, que se celebra na cidade olívica o 9 e o 10 de setembro. Este foro reunirá a axentes do sector atuneiro, conserveiro e transformador de todo o mundo e a representantes da administración europea, estatal e autonómica. Durante a súa intervención, Juan Maneiro definiu a conferencia como o mellor escenario para defender unha vez máis unha competencia nos mercados en igualdade de condicións e sen competencias desleais.

O secretario xeral do Mar destacou que a igualdade das condicións hixiénico-sanitarias, sociais e medioambientais é necesaria e vital nos mercados para evitar a facilidade de entrada de produtos con vantaxes competitivas. Esta demanda, segundo incidiu, tamén aparece reflectida no ditame de Galicia fronte a reforma da Política Pesqueira Común. Neste sentido, incidiu en que a paridade é o mellor xeito de recoñecer a importancia socioeconómica que ten o complexo mar-industria en Galicia,en España e en Europa.

A conferencia

Nesta conferencia participarán máis de 300 directivos que lideran empresas radicadas en 29 países, concentrando o 90% da produción mundial de conservas de peixes e mariscos. Enmárcase no ámbito do Foro Internacional de Conservación de Produtos da Pesca de Galicia, creado por Anfaco-Cecopesca en 1995 e que dende entón organiza, con periodicidade anual diferentes foros para analizar a situación deste sector.

No programa destas xornadas inclúense temas como as conservas de atún como produto de gran consumo, as tendencias na comercialización de conservas de atún na gran distribución ou a visión da Comisión Europea sobre a industria atuneira. Ademais debatiranse aspectos como a sustentabilidade do atún e a industria atuneira no mercado global.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia