Skip to main content

A xira de Nadal de Os Bolechas 2013 dinamiza o galego durante as festas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora un ano máis con Edicións Bolanda na xira de Nadal dos Bolechas 2013, “Os Bolechas fan unha banda”, que chega, do 22 de decembro ao 8 de xaneiro a un total de once localidades galegas, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A iniciativa conta tamén co patrocinio da Televisión de Galicia, da Fundación Novacaixagalicia e de Novagalicia Banco.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación da xira, nun acto no que estivo acompañado polo director de Edicións Bolanda, Antonio Couto; polo xerente da Obra Social de Novacaixagalicia, Pedro Otero, e mais pola directora de Márketing e Desenvolvemento de Negocio de Novagalicia Banco, Paz Comesaña.

En palabras do secretario xeral “Os Bolechas, galegofalantes, son un referente para os cativos e cativas de Galicia, un modelo divertido que permite asociar a lingua galega a elementos positivos. Todo un valor para achegarlles a lingua propia de Galicia, o maior signo de identidade do noso pobo, ás idades máis temperás”. García Gómez destacou o feito de que “Os Bolechas, creados polo xenial Pepe Carreiro, logo de acadaren grande éxito nas historias en papel e entraren nos fogares galegos pola porta da televisión pública de Galicia, incorporen pezas novas de dez dos mellores grupos e intérpretes do panorama musical galego para fornecer con concertos a oferta de lecer en galego dirixida á infancia”.

‘Os Bolechas fan unha banda’ en once vilas e cidades

Chegado o Nadal, Os Bolechas queren participar nun fermoso festival da canción pero, ao seren miúdos, téñeno difícil. Para saíren coa súa, Tatá, Carlos, Braulio, Sonia, Pili, Loli e Chispa argallarán un grande espectáculo que inclúe unha manchea das pezas que se poden atopar no novo libro-disco “Os Bolechas fan unha banda”. Todas elas, orixinais e creadas por dez dos grupos e intérpretes galegos -e en galego- máis coñecidos do momento.

O repertorio repasa diferentes estilos musicais, que inclúen desde a música máis tradicional de Pandeiromus ata a cumbia de O Sonoro Maxín, pasando polo punk máis divertido de Novedades Carminha, polo rock de Ataque Escampe e Sés, polo reggae de Transilvanians, polo power pop dos The Homens, polo pop pausado de Eladio y los seres queridos, polo pop electrónico de Álex Casanova ou polo rap de Aid.

A xira de Nadal dos Bolechas percorrerá once vilas e cidades galegas entre o 22 de decembro e o 8 de xaneiro. A primeira cita será en Vilagarcía de Arousa; o 23 de decembro poderanse gozar en Pontevedra; o 26 de decembro, en Vigo; o 27 de decembro, en Burela; o 30 de decembro, en Santiago de Compostela. Xa en xaneiro, o musical poderase gozar o día 2, en Cangas; o 3, en Ourense; o 4, en Narón; o Día de Reis, en Lugo; o 7, na Coruña e o 8, en Vilalba.

As entradas xa están á venda en www.servinova.com e toda a información ampliada en www.osbolechas.com.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia