A artesanía galega promociónase nas feira internacional Formex, de Estocolmo (Suecia)

Cun total de 850 expositores e 25.000 visitantes nacionais e internacionais, Formex é unha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos. A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta neste encontro unha liña centrada na decoración cunha selección de 15 obradoiros artesáns galegos feita en materiais como a madeira, a cerámica, os téxtiles e a cestería, na que se deixa constancia da tradición e a vangarda que se unen na artesanía galega.
A Consellería de Economía e Industria, dentro da súa estratexia de impulso ao sector artesán, centrada na aposta pola innovación e o deseño, a formación e a mellora da comercialización, está a reforzar a presenza do produto artesán galego en feiras internacionais de prestixio, co obxectivo de dar a coñecer o traballo dos profesionais galegos e de abrir novas canles cara ao exterior, ao tempo que contribúe á consolidación de Artesanía de Galicia como marca de calidade e de prestixio nos mercados internacionais.
Na escolma de produtos de Artesanía de Galicia que se poden ver estes días en Estocolmo está representada a olería de Buño, coas pezas de Alfarería Lista, Carmen Labrador e Alfarería Rulo; de Niñodaguia, con obras de Agustín Vázquez; e de Gundivós, con traballos de Elías González.
No tocante á cestería, hai creacións do vigués Antonio Suárez e de Idoia Cuesta, de Outeiro de Rei, con técnicas tradicionais aplicadas a materiais téxtiles. Tamén no téxtil, os que se achegan ata Formex poden ver o traballo de C. Canoura Deseño, de Culleredo; o Centro de Recuperación de Cultura Popular, de Ponteareas; Anna Champeney Estudio Textil, da Teixeira; Taller Arbor, de Victoria Montenegro, de Vilamarín; e Artefíos Asociación de Padres para la Formación de Jóvenes Límite, da Coruña. E tamén a cerámica contemporánea de Lucía Catuxo, de Trabada; e os traballos en madeira utilitaria de Armaior, de Quiroga.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia