Skip to main content

A segunda edición do Atlantic Emprende + Gaiás promove un debate sobre as transformacións e retos da industria musical

O Atlantic Emprende + Gaiás, evento que forma parte da programación que impulsa a Cidade da Cultura para promover a cultura emprendedora no eido das industrias creativas galegas, abordará a relación entre os artistas e os patrocinadores da man de Pedro Álvarez Cortizo, responsable de Patrocinios da Zona Norte de Movistar, e reflexionarase sobre as novas vías para achegarse á audiencia a través das banda sonoras de series ou películas na ponencia de Kenia García, directora e socia fundadora de Ártica Pro / Mushroom Pillow, e manager de artistas como Najwa Nimri, El Columpio Asesino, La Habitación Roja, WAS, La Bien Querida ou Triángulo de Amor Bizarro.

Miqui Puig, líder de Los Sencillos, compositor, locutor e recentemente moi popular pola súa aparición en programas televisivos de gran audiencia como Operación Triunfo ou Factor X, explicará as claves para que un proxecto musical perdure no tempo, adaptándose aos cambios nas esixencias do mercado.

A presenza da muller na industria musical centrará a ponencia ‘Elas cantan, elas falan’ do xornalista Toni Castarnado, colaborador de MondoSonoro, Ruta 66, El País, Cadena SER e autor de libros como Muller e música e este será tamén o tema protagonista da ponencia de Maritxu Alonso, educadora social, profesora e investigadora feminista e membro de MIM (Mulleres na Industria da Música).

Joao Vasconcelo, fundador da canle de televisión portuguesa Canal 180, premiada no Festival de Cannes, ofrecerá a súa experiencia no uso da creatividade audiovisual para a promoción de novos produtos musicais, así como as novas estratexias para a promoción de bandas e artistas a través das redes sociais.

Esta edición contará cunha exposición de carteis de grupos musicais deseñados por Xavi Forné, autor de pósters para bandas internacionais como Wilco, Mastodon ou The Black Keys. Forné ofrecerá unha charla sobre as claves do deseño de carteis musicais.

Concertos de bandas galegas

O evento contará coa música de dúas bandas galegas. Pola mañá, será a quenda de Marem Ladson, artista galego-estadounidense que debutou a pasada primavera cun traballo eloxiado pola crítica musical e que a levou a ser programada en multitude de festivais nacionais. Mordem, o proxecto de Elba Fernández, pechará o Atlantic Emprende + Gaiás cos seus sons próximos aos trip hop, ao dreampop ou ao R&B.

Os asistentes que o desexen poderán saborear tamén un menú especialmente deseñado polo chef Luis Veira, cociñeiro galego galardoado cunha estrela Michelin polo seu traballo no restaurante Árbore da Veira na Coruña.

Os interesados poderán inscribirse en cidadedacultura.gal ou atlanticfest.com/emprende. O rexistro é de balde ate completar aforo. Os que desexen participar no xantar de Luis Veira deberán mercar unha entrada de 25 euros en atanticfest.com/emprende.

O Atlantic Emprende + Gaiás enmárcase na programación do Centro de Emprendemento (CEM) da Cidade da Cultura, espazo que, ao longo de todo o ano, desenvolve diferentes actividades dirixidas a promover a cultura emprendedora na comunidade. O ano paso organizáronse 71 actividades, nas que participaron máis de 14.000 persoas. O Gaiás, a través do seu Centro de Emprendemento, apoiou máis de 400 proxectos desde a súa apertura e actualmente acolle un total de 90 proxectos emprendedores residentes.
R.