Skip to main content

A música galega soa na 49ª edición do Festival de Lorient da man de Milladoiro, Ariel Ninas e do Fondo da Barra

Galicia continua coa súa participación na 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, o histórico encontro da cultura celta que este ano celebra o Année de la Galice. A programación do evento conta cunha ampla representación galega e hoxe actúan no pavillón de Galicia Ariel Ninas e Tiruleque. Esta noite está previsto un concerto do grupo Milladoiro, Do Fondo da Barra e Habelas Hainas.

Mañá será a quenda do gaiteiro galego Carlos Núñez e o venres, o prato forte do festival será a actuación do músico Xosé Lois Romero. Xa o sábado, a participación galega rematará coa actuación da artista Mercedes Peón. Ao longo destes días tamén actuarán novamente Os da porfía, Talabarte, Xacarandaina, Habelas Hainas, Os Sin Son e Tiruleque.

O pavillón de Galicia en Lorient ten como misión fomentar a difusión e o coñecemento da música e a danza galega, ao tempo que favorece a promoción de Galicia como destino cultural, gastronómico e turístico de cara ao vindeiro Ano Santo.

O obxectivo é compartir co público asistente ao evento, máis de 750.000 persoas chegadas de todo o mundo durante os nove días de celebración, o amplo abano de formatos, estilos e tendencias que, a partir da música tradicional, percorren sonoridades diversas, ademais de ofrecerlle tamén unha serie de actividades complementarias como obradoiros sobre instrumentos da man. Como complemento ao programa artístico, Galicia está a facer gala da súa riqueza gastronómica a través da degustación de produtos típicos, ademais de promocionar a súa calidade como destino, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia.

Exposición sobre o Camiño

O Festival de Lorient tamén alberga a mostra O Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación, formada por preto dunha vintena de imaxes do fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel que recollen algúns dos valores da peregrinación, como son a presenza da natureza, o patrimonio artístico, as cidades e as paisaxes das Rutas Xacobeas, pero tamén a convivencia, o encontro, o esforzo ou a mestura de culturas.

Tanto a exposición fotográfica como a presenza de Galicia en Lorient son accións que contribuirán a difundir a identidade e a cultura de Galicia coa ollada posta no próximo Xacobeo 21, un evento que constituirá un dos maiores acontecementos culturais dos próximos anos en toda Europa. Precisamente, o pasado luns tivo lugar o acto de descubrimento dunha mouteira do Camiño nesta localidade francesa.
R.