Skip to main content

La Quintana Teatro presenta no Salón Teatro o espectáculo 'O Premio' en coprodución co Centro Dramático Galego

No equipo artístico e técnico, atópanse tamén Marisa de Laiglesia (escenografía e vestiario), Javier Quintana (deseño de iluminación), Anxo Outumuro (técnico de luces), Lucía Estévez (vídeo), José Luis Fraga (creación sonora) e María Moral (distribución).

Ideada como creación colectiva, O Premio é unha comedia aceda ambientada nun futuro próximo, no que o progreso tecnolóxico e a presión por lograr o éxito laboral, sentimental e social levan os cidadáns a un estado de desánimo e frustración, agravado por unha gran crise económica por mor do envellecemento da cidadanía. Para enfrontar esta situación, os dirixentes poñen en marcha unha insólita e popular medida: crear un reallity en directo, onde é o público quen decide que concursante merece levar o premio da súa vida: “Morrer logrando a fama. Todo por un soño”.

Interacción directa co público

A interacción cos espectadores é clave no desenvolvemento deste programa e, xa que logo, do espectáculo, no que o traballo actoral e de investigación arredor das novas formas teatrais se apoia nos vídeos a través dos que se comparte a vida dos protagonistas.

O Premio é o quinto espectáculo de La Quintana Teatro. A compañía coruñesa, que comezou a súa traxectoria hai 12 anos co gran éxito de público e crítica de Desde lo invisible, Premio MAX 2008 ao mellor espectáculo revelación, continuou avanzando no seu traballo de creación colectiva e investigación en títulos como Innómines, Realidade e O bolso ou a vida. En 2018 reestreou no Teatro Valle-Inclán do Centro Dramático Nacional Desde lo invisible, co que fixo unha estadía en El Pavón Teatro Kamikaze de Madrid, ademais de visitar tamén con esta montaxe o Salón Teatro, entre outros espazos dentro e fóra de España.

O Centro Dramático Galego participou en réxime de coprodución en O Premio, espectáculo ao que lle abrira tamén as portas do Salón Teatro como residencia artística. Así, o CDG prestoulle apoio económico e técnico á compañía para a súa nova montaxe, ademais de cederlle as súas instalacións para ensaiar e estrear o pasado mes de marzo, evento que tivo que ser suspendido ao decretarse o estado de alarma.

Despois da súa reprogramación, as novas funcións no Salón Teatro de Santiago de Compostela serán o día 17 de outubro ás 20,30 h., e o do domingo 18 ás 18.00 h. As localidades poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada pase e de xeito anticipado a través da web e do teléfono de venda de entradas de Abanca.
R.