Skip to main content

Un cartel de Roberto Vázquez Araújo, imaxe do Entroido 2016 en Ourense

A cidade xa ten imaxe para o Entroido 2016. O deseño gañador do Concurso de Carteis de Entroido do Concello de Ourense, ao que se presentaron un total de 84 propostas, foi para a creación presentada baixo o seudónimo 'O mellor entroido da década', obra do ourensán Roberto Vázquez Araújo, e que foi decidida por unanimidade de todos os membros dun xurado presidido pola concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e composto pola directora de Áreas expositivas do Concello de Ourense, técnicos da Concellería de Cultura e do Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense.

O xurado destacou o contexto artístico e a composición da obra, así coma a gama cromática, especialmente rechamante e atrevida relacionada coa festividade do entroido. Igualmente, quixo salientar a afinidade coa troula e coas actividades propias das datas nas que os ourensáns se botan á rúa. Chama poderosamente a atención, en opinión do xurado, a espontaneidade e a expresividade dos diferentes rostros que conforman a comparsa. Roberto Vázquez ten tras de si unha carreira de máis de 20 anos no mundo do deseño.

A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, quixo facer constancia “da alta participación e da calidade de todas as propostas recollidas”. O cartel, que será a imaxe do Entroido 2016, está dotado cun premio económico de 1.200 euros.

Cea de Entroido

Á espera de coñecer máis detalles da programación das actividades do Entroido, o Concello de Ourense recupera este ano a tradicional cea popular de comezo das festas. Será o vindeiro 5 de febreiro ás 22:00 horas, logo do pregón, nunha carpa que se instalará na Alameda.

As entradas xa están á venda no Bodegón da Avenida de Marín (988.375.234) por un prezo de 15 euros. Empanada, cocido, sobremesa, bebida, café e licores conformarán o menú da noite.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense