Skip to main content

Promóvense os produtos das cooperativas galegas en Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Consello Galego de Cooperativas, como órgano de promoción e difusión do cooperativismo, está presente na 17ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2016.

A participación do Consello Galego de Cooperativas neste evento, que terá lugar en Ourense ata o día 7 de febreiro, vaise desenvolver a través dun stand propio onde se informará das potencialidades e solucións que ofrece o cooperativismo como modelo empresarial capaz de manter e crear emprego.

Tamén estarán presentes 10 cooperativas representativas do sector agroalimentario galego: Cooperativa Agraria Provincial (sector lácteo); Feiraco (sector lácteo); Produtores do Campo de Capela (sector lácteo); Condado Paradanta (sector apícola); Monte Cabalar (sector cárnico); Vicogalo (sector cárnico); Hortoflor 2 (sector hortofrutícola); Adega Cooperativa Jesús Nazareno (sector vitivinícola e derivados); Adega Cooperativa Virxe das Viñas (sector vitivinícola e derivados); e Adegas Eidosela, (sector vitivinícola e derivados).

O stand permanecerá aberto no recinto feiral en horario de 12.00 a 20.00 horas de mércores a sábado, e de 12.00 a 20.00 horas o domingo.

É preciso lembrar que a Consellería de Economía apoia, a través do IGAPE o desenvolvemento desta feira a través da liña de axudas á difusión.

Así mesmo, este ano o departamento autonómico inviste no fomento do emprendemento e a Economía Social un total de 40 millóns de euros, con especial atención ao emprendemento rural.

Recentemente, ademais, o Consello da Xunta vén de aprobar o proxecto da primeira Lei de Economía Social de Galicia que regulará a este sector que aglutina a máis de 7.000 entidades. Esta normativa, que inicia agora a súa tramitación no Parlamento, converterá a Galicia nunha Comunidade pioneira en ter unha Lei destas características. O seu principal obxectivo será poñer en valor a economía social, dotala da relevancia que merece e impulsar un modelo de desenvolvemento económico, social, equilibrado e sustentable.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia