Skip to main content

Muimenta acolle do 29 de abril ao 1 de maio a XXV Edición da Festa da Filloa

O Deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Onega, e o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e o Presidente da Comisión Organizadora, José Darrriba, presentaron os actos con motivo da XXV Edición da Festa da Filloa en Muimenta, que terán lugar os días 29 de abril e o 1 de maio. Trátase dunha cita gastronómica e festiva que naceu no ano 1992 gracias a colaboración da Comisión de MOEXMU, para dar a coñecer un dos produtos típicos da Comarca da Terra Chá e de toda Galicia, a filloa.

Lino Rodríguez explicou que a Deputación achega 3.000 euros para impulsar esta cita, que xa conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Galego. Sinalou que o ente provincial “colabora con todos os eventos e celebracións que axuden a dinamizar o tecido asociativo da provincia, promovan a gastronomía, o patrimonio, o turismo e poñan en valor as nosas comarcas e as nosas tradicións”.

O Deputado agradeceu o traballo desinteresado que realiza a asociación MOEXMU para revitalizar e impulsar este Concello. “Nesta Festa participan máis de 200 persoas que realizan un traballo imprescindible e desinteresado para promocionar esta Festa por toda Galicia”, remarcou.

Degustación de filloas

Nesta xornada, máis de 50 filloeiras elaboraran máis de 15.000 filloas, que contan cun prezo de 3€ cada media ducia. A organización tamén terá preparadas racións de churrasco a 10 euros. Durante toda a xornada, os visitantes poderán desfrutar de exposicións de artesanía e produtos de calidade, degustación de filloas, sorteo de produtos, música en directo, baile tradicional e xogos tradicionais.

Venres día 29

A xornada festiva empeza este venres día 29, coa obra de teatro Sede de Mal, cos actores Luís Iglesias e Xavier Deive, no Centro Cultural de Muimenta, e contará tamén coa entrega de premios as gandeiras do pasado Concurso de MOEXMU.

Colaboración da Área de Cultura

O domingo día 1 de maio, ás 9 da mañá, ábrense as portas do recinto feiral, a partir do mediodía comezará a xornada festiva coa actuación do grupo de gaitas “Entre Lusco e Fusco”, que coordina a Área de Cultura da Deputación de Lugo. As 13:30 horas será a inauguración oficial da XXV Festa da Filloa, coa lectura do pregón a cargo de José Campos Uz, un veciño da parroquia de Bazar de 94 anos. Sobre as dúas da tarde entregaranse os premios do Concurso de Relatos e Debuxo. Máis tarde, as autoridades e os invitados percorreran os stands da Festa. Despois do xantar, a actuación musical correrá a cargo do grupo DE VACAS, dentro do programa Seráns Culturais que promove a Área de Cultura da Deputación. Haberá baile tradicional e a actuación de Jose Anido. As sete da tarde clausurase esta nova edición.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo