Skip to main content

A capital de Galicia celebra a noite de San Xoán con 60 cacharelas públicas

Xan Duro explicou que se autorizaron 64 cacharelas e/ou sardiñadas públicas para a noite do 23 de xuño. En concreto serán 15 cacharelas, 17 sardiñadas, e 32 cacharelas con sardiñada. A maioría delas son organizadas por colectivos veciñais ou culturais, así como por establecementos de hostalería. O concelleiro lembrou que a estas autorizacións hai que sumar as de máis de 250 cacharelas privadas.

O edil salientou que se manteñen "as cacharelas máis emblemáticas de Compostela e se recuperan dúas históricas que non se celebraron nos últimos dous anos, as da Algalia de Abaixo e a Asociación de Veciños A Guadalupe-Ponderosa, no parque Pablo Iglesias". Como novidade, diferentes locais de hostalería de Fernando III O Santo xuntáronse para facer unha celebración na noite do 23, que obrigará a cortar o tráfico nesta rúa.

Reforzos na Policía Local e nos Bombeiros

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que na noite de San Xoán haberá un importante reforzo dos dispositivos de seguridade, para garantir que a festa transcorra con normalidade. En concreto, duplicarase a quenda da Policía Local para ter traballando a 20 axentes, e farase o mesmo cos Bombeiros, de xeito que percorrerán a cidade 17 operarios e tres camións. Tamén está previsto que seis voluntarios de Protección Civil en dous coches percorran a zona rural, onde tamén se celebra un importante número de cacharelas.

O xefe dos Bombeiros de Santiago fixo unha chamada a que se respecten as normas de seguridade das cacharelas "para garantir que a do 23 de xuño sexa unha noite para desfrutala e non para sufrila". Xesús Martínez pediu que se respecten as medidas establecidas para as cacharelas e as distancias de seguridade con tendidos eléctricos ou telefónicos, e que se queimen materiais que fan brasa, fundamentalmente madeira. Neste sentido, advertiu do perigo que supón "a moda entre os estudantes de queimar os apuntes, porque se fai un pouco de vento o papel acaba voando e aumentado o risco de incendio".

O xefe de Bombeiros tamén pediu que se evite a práctica de saltar as cacharelas en grupo, "porque non todas as persoas teñen a mesma capacidade de carreira e salto, e iso acábase traducindo en máis caídas no lume". Martínez explicou que é recomendable vestir roupas que non sexan excesivamente frouxas para cumprir coa tradición de saltar a cacharela, e preferiblemente de materiais non sintéticos. No caso de que nos prenda o lume nunha prenda "hai que rodar polo chan para apagalo, e evitar botar a correr porque iso acenderao máis".

Como é habitual, todas as cacharelas celebradas nos espazos públicos serán inspeccionadas previamente tanto pola Policía Local como polos Bombeiros, para asegurar que cumpran os requisitos esixidos en canto a volume, separación entre árbores e edificios e pavimento.

Na zona urbana, o volume do combustible da cacharela non superará os 2 metros de diámetro e os 6 de perímetro, nin o metro de altura. Na zona rural, non se superarán os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro. Cando as cacharelas se fagan sobre terreos de uso público lousados, protexerase o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.

A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano será como mínimo de 12 metros, excepto no casco urbano. Como é habitual, estará prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites e, en xeral, calquera substancia que desprenda fume tóxico. Ao rematar a cacharela, os organizadores aseguraranse de que non quedan cinzas acendidas, e terán a obriga de limpar o espazo utilizado para a actividade.

A hora límite para a celebración das cacharelas será as 3:30 horas da madrugada, tal que como establece a normativa da Xunta de Galicia no relativo a festas e romarías populares. Así mesmo, deberase cumprir a normativa para a prevención do consumo de alcol entre menores de idade.

Nestas celebracións é importante lembrar o número dos Bombeiros (080 ou 981 542 444) e da Policía Local (981 542 323).

Fotografía y más información en: http://www.santiagoturismo.com/festas-e-tradicions/noite-de-san-xoan
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela