Enxálzase o valor cultural, relixioso, social e turístico do XLV Belén de Begonte

“Esta iniciativa”, explicou Balseiro durante a presentación da XLV edición do nacemento, “converte a este belén no máis famoso da nosa provincia, que cada ano é visitado por milleiros de persoas”.
O belén de Begonte conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia desde hai dous anos e figura xa entre as citas imprescindibles cada Nadal para moitas familias e visitantes, constituíndo, en consecuencia, “unha fonte de riqueza económica para o municipio”, segundo indicou o delegado.
O pregoeiro deste ano será Luis Angel de las Heras, o novo bispo de Mondoñedo. Dende o sábado, 3 de decembro, o centro cultural José Domínguez Guizán de Begonte, abrirá as súas portas para mostrar ao público as pezas e o movemento dun dos nacementos electrónicos máis recoñecidos de Galicia.

Na presentación do belén participaron tamén Luis Luaña, tenente alcalde de Begonte; Pilar Gómez, viúva do creador; e Xesús Domínguez e Xulio Xiz, presidente e vicepresidente do centro cultural José Domínguez Guizán.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia